Pasar al contenido principal

Un concurso premia os mellores proxectos de fin de carreira para Enxeñaría Técnica Industrial e Ciencia e Tecnoloxía dos Alimentos

O vicerreitor de Coordinación do Campus de Lugo, Carlos Herrero, e o decano da Facultade de Ciencias, Francisco Fraga, presentaron este martes a sexta edición do concurso de proxectos fin de carreira para Enxeñaría Técnica Industrial na especialidade de Química Industrial, e a quinta para Ciencia e Tecnoloxía dos Alimentos, que premian a calidade dos traballos presentados polos titulados.
Ao acto asistiron o vicedecano da facultade, José Manuel Martínez Ageitos, e tamén o decano do Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos Industriais de Lugo (COETIL), Jorge Rivera, o presidente de Atabeira, José Perejón, e a técnico de xestión de Altaga, Estíbaliz Santos, que colaboran coa USC na posta en marcha destes concursos co obxecto de incentivar a orixinalidade e a innovación dos proxectos de fin de carreira desenvolvidos nas devanditas titulacións que se imparten na Facultade de Ciencias do campus lugués.
Nestes concursos poden participar todos aqueles proxectos de fin de carreira para Enxeñaría Técnica Industrial e Ciencia e Tecnoloxía dos Alimentos que fosen defendidos na Facultade de Ciencias de Lugo en calquera das catro convocatorias do curso académico 2008-2009. O prazo de inscrición para participar no certame está aberto ata o vindeiro 30 de novembro.
O xurado valorará a claridade dos traballos no desenvolvemento dos obxectivos e na resolución, a innovación e o progreso tecnolóxico, así como a orixinalidade e a calidade da presentación. O fallo darase a coñecer o día 15 de decembro na Facultade de Ciencias, nun acto público no que tamén se fará entrega dos premios aos tres primeiros clasificados de cada categoría, e que van dende os 100 euros ata un contrato de traballo de seis meses de duración na empresa Ingapan.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 24.11.2009.