Pasar al contenido principal

Máis de 700 alumnos de toda Galicia coñecen esta semana as instalacións e servizos do campus de Santiago

Máis de 700 alumnos de dezaoito centros de ensino secundario de toda Galicia visitan o campus de Compostela esta semana, do martes 21 ao xoves 23, dentro dos ‘Encontros na zona USC 2009’. Trátase dunha iniciativa enmarcada no programa ‘A Ponte’ que pretende deste xeito dar a coñecer aos futuros estudantes a estrutura e os servizos da institución académica.
En Compostela percorreranse os campus Norte e Sur así como outros espazos que integran o patrimonio histórico da Universidade, o Museo de Historia Natural Luis Iglesias ou o Centro Superior de Hostalería de Galicia. Na quenda da mañá, as visitas partirán simultaneamente ás 10:45 horas dende as residencias Burgo das Nacións (Campus Norte) e Monte da Condesa, dende a que tamén sairá a visita da tarde ás 16:00 horas.
O percorrido a realizar na zona norte comezará nas facultades de Filoloxía e Ciencias da Comunicación, para logo dirixirse ás de Ciencias Económicas e Empresariais; Ciencias da Educación e Traballo Social; Enfermaría, Medicina e Odontoloxía; para rematar en Xeografía e Historia e Filosofía.
A visita a Dereito, Relacións Laborais e Ciencias Políticas será a primeira etapa do percorrido polo Campus Sur, que logo se dirixirá a Química e Física; Bioloxía e Farmacia; Matemáticas e a Escola Técnica Superior de Enxeñaría; Óptica e Optometría; rematando en Psicoloxía e Ciencias da Educación.
Pola tarde o grupo realizará unha visita ao patrimonio Histórico da Universidade (dende o Colexio de Fonseca) para logo dirixirse ao Museo de Historia Natural Luis Iglesias e rematar no Centro Superior de Hostalería de Galicia.
A PonteO programa ‘A Ponte’ acerca a universidade e os seus servizos aos estudantes de ensino medio e á sociedade en xeral, transmitíndolles información e respondendo a dúbidas que van desde a propia matrícula ou número de prazas por titulacións ata as bolsas ou saídas laborais das diferentes carreiras.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 20.04.2009.