A Facultade de Ciencias clausura o curso de Calorimetría
A Facultade de Ciencias do Campus de Lugo clausurará este venres 24 o décimo Curso de Análise Térmico e Calorimetría aplicada, ás 14:00 horas. O acto correrá a cargo do decano do centro e vicepresidente do Grupo Especializado de Calorimetría e Análise Térmico (GECAT), Francisco Fraga, e a súa presidenta, Victoria Roux.
Ao longo das sesións déronse a coñecer as aplicacións da análise térmica en ámbitos tan diferentes como a industria téxtil, a conservación de alimentos, os materiais de construción ou os sistemas de refrixeración. Fraga destacou o éxito desta edición, que se converteu “nun curso internacional, coa asistencia de estudantes e investigadores de diferentes países interesados na aplicación das técnicas da Calorimetría nos seus campos de estudo”.
O curso que remata mañá en Lugo forma parte dunhas xornadas anuais e itinerantes que organiza o GECAT e que o vindeiro ano terán como sede a Universidade Ramón LLull de Barcelona, onde tamén haberá representación da USC.
A constitución do GECAT foi o resultado do interese de numerosos profesionais de universidades, entre as que se atopa a Universidade compostelá, centros de investigación e empresas públicas e privadas distribuídas por toda a xeografía española, que viñan facendo uso de técnicas de análise térmico.