A Oficina de Desenvolvemento Sostible desenvolve unha actividade de educación ambiental en Lugo
A Oficina de Desenvolvemento Sostible da USC, dependente da Vicerreitoría de Calidade e Planificación, desenvolve este martes 3 de novembro unha actividade de educación ambiental na Escola Universitaria de Formación do Profesorado do campus de Lugo. Esta actividade, promovida polo coordinador de Desenvolvemento Sostible da Escola, Ramón López Rodríguez, está dirixida aos alumnos que están a cursar a materia ‘Educación Ambiental e a súa didáctica’.
A actividade, que correrá a cargo de Noelia López, centrarase en dar a coñecer o concepto de pegada ecolóxica, un indicador de sostibilidade que representa os custes ecolóxicos do modelo de vida dunha determinada poboación. Ademais presentaranse os principais resultados do estudo ‘Impacto ambiental na Universidade de Santiago de Compostela’, realizado pola Oficina de Desenvolvemento Sostible, que amosa que para o ano 2008 a Universidade necesita máis de 5.000 hectáreas de bosque galego para asimilar as emisións de CO2 producidas (o que supón máis de 51 veces a extensión ocupada polos campus de Santiago e Lugo).
Neste estudo, que se leva realizando consecutivamente varios anos, tamén se recollen outro tipo de indicadores coma por exemplo o consumo de enerxía eléctrica por persoa e día que no ano 2008 ascendeu a 4,01 kWh/persoa/día, un 26% menos que no ano 2007. Outros datos positivos son o consumo de papel por parte dos membros da comunidade universitaria que pasou de 389 toneladas no ano 2007 a 261 toneladas no ano 2008 ou o consumo de auga, que foi de 66 litros por persoa e ano, un 6% menos que no 2007.