O reitor reflexiona sobre a misión universitaria na conferencia inaugural das XVIII Xornadas Luso Galaicas da Real Academia Galega de Ciencias

“É evidente que estamos ante unha nova Universidade, pero é unha universidade mellor?”. Esta é unha das ideas a partir da que vertebrou o reitor da USC, Senén Barro, a conferencia inaugural das XVIII Xornadas Luso Galaicas que a Real Academia Galega de Ciencias organiza ata o próximo xoves 22. O reitor compostelán presentou no seu relatorio ‘Unha universidade mellor?’ unha reflexión sobre as funcións que a universidade asumiu ao longo da historia.
Neste senso, Barro trazou un percorrido polas evolucións experimentadas nas universidades, institucións cuxa función de preservar e difundir o coñecemento deu paso a unha primeira revolución académica na que ademais de formar debía investigar. O último paso é a incorporación á misión universitaria do emprendemento, 2ª revolución académica que incorpora o desenvolvemento económico e social responsables ao tempo que se reforzan as antigas misións.
Senén Barro, que apelou á capacidade de liderado da USC no seu contexto, considera que a “nova” universidade é “unha institución central na sociedade en rede, máis dinámica, multi e interdisciplinar” que traballa na formación en valores dos seus integrantes, comprometida socialmente, co medio ambiente, e coa creación de riqueza e “suficientemente financiada”. Tamén tivo palabras o reitor para o proxecto Campus Vida como unha manifestación do que debe ser unha universidade mellor.
As XVIII Xornadas Luso Galaicas están orientadas ao fortalecemento do intercambio científico xa existente en numerosas áreas, así como a estimular o desenvolvemento de proxectos comúns e levar a un mellor a un mellor coñecemento de persoas que nestas dúas comunidades teñen dedicado as súas vidas á investigación científica. Nelas interveñen docentes das universidades de Porto e da propia USC pertencentes e diversas áreas de coñecemento.