Pasar al contenido principal

Aberto o prazo de inscrición para as actividades formativas da Vicerreitoría de Cultura da USC en Lugo

Os cursos de Danza, Teatro, Fotografía e Creación Musical foron presentados pola vicerreitora Elvira Fidalgo

A Vicerreitoría de Cultura da USC abriu o prazo de matrícula para participar nos cursos de formación que organiza no Campus de Lugo baixo o título ‘Espazos’, e que comezarán a desenvolverse a partir do mes de novembro. As inscricións nas especialidades de teatro, danza, fotografía e creación musical, dirixidos tanto a persoal universitario como non universitario, dependerán de cada especialidade pero a partir deste xoves estará aberta a matrícula para case todos os cursos, que se cubrirán por rigorosa orde de solicitude.
Ofrecerase información ás persoas interesadas na Oficina de Cultura da USC, situada no segundo andar do número 2 da praza Pío XII. A maior parte dos cursos están dirixidos a todos os públicos con prezos que oscilan entre os 40 e os 360 euros dependendo de se son membros da comunidade universitaria ou non.
A vicerreitora de Cultura, Elvira Fidalgo Torres, presentou en rolda de prensa este programa de actividades no Campus lugués. Durante o acto, estivo acompañada pola responsable da oficina de Cultura en Lugo, Paloma Lugilde, que explicou as liñas xerais da programación.
TeatroDentro do ‘Espazo de teatro’ continuarán os cursos formativos, nesta edición sobre Construción e manipulación de marionetas (decembro), o actor e o seu corpo (novembro), ou Comedia da Arte e Introdución á iluminación, así como un monográfico de interpretación (abril).
Así mesmo, manterase en activo a compañía de teatro da USC, dirixida por Alberto Cabarcos, na que poderán participar tanto estudantes, como PAS e PDI e que realizarán a súa actividade entre os meses de novembro a abril con talleres de arte dramática.
A USC a través da Vicerreitoría de Cultura apoia tamén a creación de agrupacións teatrais independentes a través de axudas á produción e distribución, para as que se realizarán dúas convocatorias. Organiza tamén o Festival Internacional de Teatro Universitario no mes de marzo e colabora na Mostra de Teatro Cidade de Lugo e no programa formativo Teateatre.
DanzaO ‘Espazo de Danza’ no Campus de Lugo oferta para este período lectivo dous cursos, un de Danza Contemporánea e outro de Malabares e Movemento, que se celebrarán de novembro a marzo, no primeiro caso, e ata abril no segundo.
Tamén manterá a súa actividade o Grupo do Espazo de Danza da USC, no que está aberta a participación só para a comunidade universitaria. Dentro desta disciplina organízase así mesmo o Encontro Universitario de Danza Contemporánea, coa participación en distintos festivais e encontros de danza.
Neste apartado haberá un taller de danza para nenos, onde se utilizará esta disciplina como medio educativo e beneficioso para o corpo e a mente dos máis pequenos que se introducirán, mediante o xogo, no ballet, a danza moderna e a expresión corporal.
FotografíaEste ano haberá tamén novamente cursos de fotografía no Campus de Lugo, tanto de analóxica como dixital e no primeiro caso para os distintos niveis de coñecemento. As primeiras clases darán comezo no mes de novembro.
Mantense aberta tamén a posibilidade de participar no grupo de fotografía, co que se organizan saídas, rutas, cursos, encontros e grupos de traballo. O evento máis destacado do ano é a celebración do XVI Maratón fotográfico do Campus, que se celebrará a segunda semana de marzo.
MúsicaPara os amantes da música, o campus de Lugo conta co Grupo de Creación Musical, formado hai 12 anos e que está dirixido por Inmaculada Cárdenas. Dividido en sección electrónica e sección vocal, está aberto á participación dos membros da comunidade universitaria. Haberá cursos nas dúas seccións dende novembro e rematará cun monográfico en xaneiro.
A música ocupa un lugar destacado na programación cultural da USC, coa celebración durante o ano de distintos ciclos dentro do convenio Lugo Cultural, como ‘Músicas a carón da Mosqueira’, ‘Lubicán’, ‘Entre lusco e fusco’ e un encontro coa música experimental.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 08.10.2009.