Pasar al contenido principal

Remata a Semana de Benvida de Lugo Cultural cun concerto de Mercedes Peón

A Semana de Benvida organizada polo convenio Lugo Cultural e que celebrou durante estes días concertos, exposicións, danza, relatorios e actuacións teatrais e coreográficas, co que se pretendeu achegar aos estudantes os espazos do Campus e da cidade, chega este venres 23 ao seu fin cun concerto de Mercedes peón.
Peón, unha das cantantes máis carismáticas da escena musical galega, presentará o seu traballo Performance, na Praza de Santa María ás 20:30 horas. En caso de choiva, o concerto trasladarase ao Auditorio Gustavo Freire. Habilitaranse para as persoas interesadas en asistir autobuses que sairán desde a Facultade de Veterinaria, ás 20:00 horas, e desde a Escola Universitaria de Formación de Profesorado, ás 20:15 horas.
ExposiciónNesta última xornada de actividades inaugurarase ademais a exposición ‘As terras escondidas’, con fotografías de Santiago Fernández Mosquera e Salvador Arellano Torres, onde se poderán ver imaxes de varios habitantes de aldeas e tribus da India, “persoas que non teñen contacto coa xente occidental e esa pureza na mirada reflíctese nas fotografías que se poden ver na exposición”, comentou a vicerreitora de Cultura, Elvira Fidalgo.
A inauguración será ás 13:00 horas na Sala Isaac Díaz Pardo de Veterinaria e a ela asistirán a vicerreitora adxunta de Infraestruturas e Servizos, Marta Miranda, e a vicedecana de Estudantes e Relacións Exteriores, Patricia Fernández, que estarán acompañadas por representantes das outras institucións que conforman o convenio Lugo Cultural. A mostra estará aberta ao público de luns a venres de 9:00 a 21:00 horas, ata o 30 de novembro.
Outras actividadesLugo Cultural programa unha ampla gama de actividades que se desenvolven durante todo o ano, como os ciclos musicais de ‘Lubicán’, ‘Músicas a carón da Mosqueira’, ‘Entre lusco e fusco’ e o de ‘Música experimental’. Ademais, programan distintas rutas, o maratón fotográfico, o Encontro de Danza Europeo, o Festival Internacional de Teatro Universitario e o programa Anda na Banda.
Trátase de propostas plenamente asentadas na programación cultural deste campus universitario e, por extensión, da cidade luguesa. Todas as novidades relativas a esta programación está a disposición das persoas interesadas no web http://www.lugocultural.es.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 22.10.2009.