O vicerreitor do Campus de Lugo amosa as instalacións do CACTUS ao director do CETAL para futuros proxectos de colaboración

O vicerreitor do Campus de Lugo, Carlos Herrero, e mailo vicerreitor adxunto de Investigación, Jesús Casabiell, amosaron hoxe as instalacións do Centro de Apoio Científico e Tecnolóxico do Campus de Lugo (CACTUS) ao director do CETAL, Eduardo Vidal, como primeiro paso de cara a futuros proxectos de colaboración entrámbalas dúas institucións.
O CACTUS, que botou a andar hai preto de tres anos, conta cun importante equipamento científico que, segundo Carlos Herrero, “non sería posible adquirir por parte de grupos de investigación particulares”. De aí que se estea a traballar na elaboración dun convenio marco de colaboración entre a Universidade de Santiago e mailo Centro Tecnolóxico Agroalimentario, o CETAL, que favoreza o traballo conxunto das dúas institucións no tocante á investigación.
As instalacións do CACTUS contan cun equipamento científico de última xeración, que permite ao seu equipo de traballo levar a cabo destacados estudos, moitos deles con fins farmacolóxicos. Entroutros equipamentos, o Centro de Apoio Científico e Tecnolóxico do Campus de Lugo conta cun microdisector láser, que permite analizar as células de xeito illado, o que ten unha grande importancia, por exemplo, no caso dos estudos de alteracións tumorais. En toda España hai menos de vinte aparellos deste tipo.
O vicerreitor do Campus de Lugo amosou o seu interese de colaborar estreitamente con aquelas entidades investigadoras que así o desexen para sacar o máximo rendemento a esta importante dotación investigadora.