Inaugúrase o venres en Guitiriz o curso sobre periodismo deportivo
A USC inaugura este venres 17 o curso de verán ‘Comunicación e deporte’, que se impartirá en Guitiriz ao longo da fin de semana. Será nas instalacións da Casa Habanera, ás 9:45 horas. Neste seminario analizarase, ata o domingo 19, a realidade actual do periodismo deportivo nos diferentes soportes informativos.
O obxectivo marcado para as 22 horas lectivas que se desenvolverán ao longo destas tres xornadas é o de crear un espazo de reflexión no que se aborden as particularidades da comunicación deportiva desde distintos ángulos.
Neste seminario dirixido por Eugenio Rodríguez Núñez, a relación entre medios de comunicación e deporte abordarase nunha dobre dirección. Dunha banda, botarase unha ollada á relación da comunicación co deporte e, doutra, na dirección contraria, a relación do deporte coa comunicación, analizando nos dous casos as mutuas sinerxías.
A finalidade das clases será realizar unha análise da situación actual, cos desafíos e retos no tratamento da información deportiva, e debater sobre o tratamento e o impacto informativos das disciplinas máis minoritarias, afondando nas particularidades de cada medio, audiovisual, escrito, radiofónico e Internet.
Daranse a coñecer experiencias e traballos levados a cabo por profesionais de diferentes medios de comunicación e institucións que desenvolven a súa actividade profesional como xornalistas deportivos.