Pasar al contenido principal

A Aneca dá luz verde ao Máster Oficial en Dirección de Empresas (MBA) da USC

A Agencia Nacional de Evaluación de la Calidad y Acreditación (Aneca) deu o seu visto bo ao Máster Oficial en Dirección de Empresas (MBA) da USC que comezará a impartirse no curso 2009-2010. O curso, que comezará no mes de setembro, desenvolverase de forma simultánea, aínda que con distinto enfoque, no Campus de Santiago.
O obxectivo do máster, que consta de 60 créditos ECTS será procurar que os estudantes adquiran coñecementos avanzados en Dirección de Empresas así como a capacidade de aplicalos, á vez que desenvolven habilidades directivas. Todo isto mediante unha metodoloxía participativa, de análise de casos, resolución de exercicios, role-playing, debates sobre lecturas de interese e desenvolvemento e presentación de traballos.
Vinte son as prazas que se ofertan no Campus lugués, dez delas correspondentes á orientación académica e as outras dez, á opción profesional. Engadiranse ademais tres prazas para estudantes estranxeiros e outra tres para os asistentes a tempo parcial. Na opción profesional, os alumnos deberán realizar un período de prácticas en empresas.
O curso está dirixido principalmente a titulados en Administración e Dirección de Empresas, Economía, Enxeñaría e Dereito. Tamén está orientado a graduados doutras titulacións que queiran desenvolver a súa carreira profesional no mundo das empresa e para profesionais vinculados ao ámbito da dirección de empresas e que desexen actualizar os seus coñecementos e mellorar as súas competencias.
O programa responde á cobertura de numerosas saídas profesionais, entre outras a dirección de empresas; planificación e dirección estratéxica; organización de empresas; dirección nas distintas áreas funcionais da empresa; xestión de operacións, contable-financeira ou de recursos humanos; consultora e asesoramento de empresas; ou creación de empresas.
No Campus de Santiago, ademais das orientacións académica e profesional, ofrecerase a opción investigadora, dirixida á formación de investigadores na área de Dirección de Empresas. Para acceder ao período de investigación, o alumnado deberá ter superada a etapa de formación do Máster en Dirección de Empresas ou obter a equivalencia de competencias.
O programa de doutoramento establece tamén como requisito no período de formación que o alumnado curse a materia 'Metodoloxía de investigación en dirección de empresas' e realice o traballo de investigación tutelado vinculado a esta opción.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 22.07.2009.