Os accidentes de tráfico e a seguridade viaria, eixo de estudo nun dos curso do Campus de Verán de Muros
A localidade de Muros acollerá dende este mércores 29 o curso de verán ‘Accidentes de tráfico: unha abordaxe multidisciplinar’ co que se pretende ofrecer unha visión integral dos accidentes de tráfico e da seguridade viaria. Baixo a dirección de Ramón Arce e Francisca Fariña, o encontro inaugúrase este mércores ás 10:00 horas na Casa da Cultura do Concello de Muros.
Así, ao longo das 30 horas lectivas programadas tratarase de aproximar aos asistentes aos aspectos psicosociais, sanitarios, legais e forenses da accidentabilidade no tráfico viario. Tamén se analizará, desde unha perspectiva multidisciplinar, as repercusións físicas e psicolóxicas dos lesionados en accidentes de tráfico e afondarase nas achegas da prevención, avaliación e intervención no ámbito dos accidentes de tráfico e da seguridade vial.