A USC inicia en Santiago a XIX edición do Máster en Dirección e Xestión de Comercio Exterior
A USC coa colaboración da Xunta de Galicia inicia o vindeiro luns, 5 de outubro, a XIX edición do Master en Dirección e Xestión de Comercio Exterior na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais de Santiago. O acto de apertura será no Salón de Actos a partir das 10:00 horas e de seguido procederase a realizar unha visita guiada polo Patrimonio Histórico da USC para que os alumnos estranxeiros poidan coñecer máis de preto a cultura galega.
Como cada ano este Master contou cun gran número de solicitantes, moitos deles estranxeiros, sendo 22 os que finalmente cursarán a XIX edición. O obxectivo é formar técnicos e directivos especializados no Comercio Exterior que contribúan ao éxito e á expansión internacional das nosas empresas. Os alumnos poderán ter acceso a prácticas remuneradas en empresas exportadoras galegas, de 6 a 9 meses de duración, unha vez finalicen o curso, o que lles permitirá recuperar parte da inversión realizada.
Os alumnos realizarán o exame oficial “Business English Certificate” (BEC) ante os examinadores da prestixiosa Universidade de Cambridge, polo que ademais de recibir o titulo de Master da USC recibirán outro da institución inglesa.
O Master prolongarase ata finais de xuño nas aulas da Facultade cun total de 700 horas lectivas e con visitas a empresas exportadoras de interese. O cadro docente fórmano recoñecidos profesores e profesionais do eido do comercio exterior.