Pasar al contenido principal

A fame e a pobreza no mundo, a debate nun curso de verán en Santiago

UNIVERSIDADE DE VERÁN DA USC

A Universidade de Santiago impartirá a partir do 16 de setembro o curso ‘Combater a fame e a pobreza, proxecto de todos, co que se pretende analizar e afondar nas causas da pobreza e da fame no mundo así como debater sobre as actuais estratexias de actuación dos actores do sistema internacional de cooperación ao desenvolvemento.
A finalidade básica que perseguen estas xornadas é facer, desde a USC, unha achega tanto ás causas da pobreza e a fame como á análise das prácticas de cooperación dos axentes que conforman a nosa contorna institucional (UE, Estado español, Xunta de Galicia, ONGDs, universidades...).
Os debates neste seminario dirixido por Alfredo Macías Vázquez, de 20 horas lectivas, realizaranse nun contexto no que a loita contra a pobreza xunta os esforzos da comunidade internacional co fin de lograr en 2015 os Obxectivos de Desenvolvemento do Milenio (ODM).
A taxa xeral de matrícula para asistir a estas sesións que se desenvolverán na Facultade de Ciencias Económicas e Empresarias de Santiago ata o 18 de setembro é de 70 euros. Existe un prezo reducido, de 40 euros, para estudantes universitarios, persoas desempregadas e PDI e PAS da USC. O prazo para a inscrición, tanto a través internet como por vía presencial (ata o 14 de setembro), xa está aberto.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 15.07.2009.