Pasar al contenido principal

A USC aproba o calendario e normativa de creación de prazas para os profesores acreditados para catedráticos

Neste mes de xullo convocaranse entre 10 e 15 prazas

A Universidade de Santiago convocará de maneira inmediata, previsiblemente neste mes de xullo, entre 10 e 15 prazas de catedrático “axustadas aos recursos económicos dispoñibles”. Así o anunciou hoxe o reitor Senén Barro logo da reunión extraordinaria do Consello de Goberno na que se lle deu o visto bo á normativa de creación de prazas de promoción de profesores titulares acreditados para catedrático de Universidade na convocatoria de 2009.
Un total de 50 profesores da USC están acreditados pola Aneca para o acceso ao corpo de catedráticos de Universidade, un “claro indicador da calidade do noso cadro de persoal docente” para Barro. Agora, explicou, a Universidade, de acordo coa súa planificación e recursos, debe convocar as oportunas prazas. A este respecto, e como resposta á demanda do colectivo de convocar de inmediato tantas prazas como profesores acreditados, o reitor advertiu da súa inviabilidade dende o punto de vista económico. “Suporía máis de medio millón de euros a maiores en 2010, co que se estarían comprometendo uns recursos que non existen”, advertiu.
Ademais da convocatoria inmediata de prazas, o goberno da USC manifestou no Consello de Goberno a súa intención de incluír nos orzamentos de 2010 unha partida para outra convocatoria “o máis ampla posible, tentando superar, como xa sucede nesta ocasión, as 10 prazas de catedrático de media convocadas nos últimos anos pola USC”, indicou o vicerreitor de Profesorado e Organización Académica, Juan Viaño.
O documento aprobado -“precedido dun constante proceso de diálogo entre as partes afectadas”, indica Viaño- establece unha serie de criterios a ter en conta para a convocatoria de concursos baseados en criterios de méritos –sexenios fundamentalmente- e estruturais en función dos Campus de Lugo e Santiago, das áreas de coñecemento e de xénero.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 08.07.2009.