A USC recoñece aos mellores estudantes nas probas de acceso á universidade
O reitor da USC, Senén Barro, preside este venres o acto de recoñecemento aos estudantes de Bacharelato que acadaron unha puntuación definitiva de nove ou superior nas Probas de Acceso á Universidade na convocatoria de xuño de 2009.
Son un total de 391 estudantes pertencentes a 166 centros de ensino, dos que 123 son homes e 268 mulleres. Por provincias, 179 pertencen á da Coruña, 122 á de Pontevedra, 47 a Lugo e 43 a Ourense. Como en anteriores anos, a USC conta coa maioría das titulacións que pecharon a matrícula cunha das máis altas notas de corte de Galicia; un 8.45 en Medicina, 8.01 en Odontoloxía, 7.59 Comunicación Audiovisual ou 7.31 en Xornalismo.
A xornada celébrase a partir das 19:00 horas na Sala Ángel Brage do Auditorio de Galicia coa presenza do alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo; do presidente do Consello Social, Manuel Puga; do vicerreitor de Coordinación do Campus de Lugo, Carlos Herrero; da concelleira de Educación, Mercedes Rosón; do coordinador do programa A Ponte, Luis Hervella; e do delegado da USC na Ciug, Manuel Bermejo.
No transcurso do acto intervirán a alumna Ana Castro Gay, do IES Vilar Ponte de Viveiro, en representación dos estudantes homenaxeados, para dar paso ao director do IES Ramón Menéndez Pidal da Coruña, Xosé Toba, representando aos centros de ensino secundario de Galicia.
Na mesma sesión, entregaranse os premios do concurso de relatos curtos ‘Como te imaxinas na USC?’ que nesta edición recaeu no alumno do Colexio La Salle de Santiago, Francisco Liñeira González, e no do IES Fontexería de Muros Xaquín Abadín Mayo.
A maioría na USCNo curso pasado un total de 327 estudantes pertencentes a 149 centros de ensino medio acadaron unha puntuación de nove ou superior na cualificación definitiva das PAAU na convocatoria de xuño. Deles, 180 realizaron a matrícula na USC o que significa un 55% dos alumnos cos mellores expedientes nas PAAU.