Pasar al contenido principal

Un curso de verán reflexiona sobre os dereitos e as liberdades públicas

UNIVERSIDADE DE VERÁN DA USC

A Universidade de Santiago inaugura o xoves 17 o curso ‘A tutela internacional dos dereitos e liberdades públicas fundamentais’, que dirixe Ramón López-Suevos Fernández. O acto de apertura será ás 10:00 horas na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais do Campus de Santiago. O obxectivo fundamental das clases será o de analizar a situación de numerosos conflitos existentes na actualidade e que atentan contra os dereitos fundamentais.
A creación na década dos 90 dos Tribunais Penais Internacionais, pensados para perseguir aos responsables das violacións dos Dereitos Humanos, están sendo obxecto de numerosas críticas. Nesta mesma liña, a necesidade de manter a prisión de Guantánamo está sendo cuestionada por Barack Obama, quen anunciou o seu peche tras a súa toma de posesión como presidente dos Estados Unidos de América.
Ao longo das 20 horas lectivas deste seminario, estudarase tamén o antigo conflito entre Palestina e Israel, permanentemente de actualidade, xurdindo numerosos debates entre os políticos de todo o mundo e innumerables mobilizacións na sociedade civil de todos os países. Sen ser o único, un dos factores deste conflito é o relixioso, polo que se incluirán neste seminario debates sobre os dereitos e as liberdades públicas vistos desde a perspectiva islámica. Ligado a isto, tamén se reflexionará sobre o universalismo ou pluriversalismo dos Dereitos Humanos.
Este curso está co-organizado polo Observatorio para a Defensa dos Dereitos e Liberdades. Pódese obter máis información en www.esculca.net.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 16.09.2009.