A USC e a Texas Tech University Health Sciences Center cooperarán en actividades conxuntas de docencia e investigación
A Universidade de Santiago e a Texas Tech University Health Sciences Center de Lubbock acaban de sentar as bases para o desenvolvemento de actividades conxuntas en materia formativa e no desenvolvemento de proxectos de investigación. A sinatura dun acordo entre ambas é o punto de partida desta colaboración que ademais permitirá o intercambio de estudantes, así como de material académico e publicacións. O reitor da USC, Senén Barro, e o vice presidente da Universidade americana, Germán R. Núñez, deixaron constancia do acordo nun acto protocolario celebrado este martes 15 en San Xerome, ao que tamén asistiu o decano da Facultade de Medicina, José M. Fraga.
Deste xeito, ambas as dúas institucións traballarán no desenvolvemento de liñas de investigación conxunta e facilitarán a realización de visitas ás respectivas facultade de ciencias da saúde con fins curriculares, asistencia a cursos e mellora de habilidades na docencia e a investigación. Outros ámbitos de colaboración serán a realización de viaxes de estudo e traballos de asesoramento conxunto, así como a contribución respectiva a programa docentes e a co-supervisión de alumnos de posgrao.
No tocante ao intercambio de estudantes, poderanse beneficiar das iniciativas que se acorden tanto os alumnos de grao, como os graduados e os de doutoramento, cando se vai participar en actividades de investigación, desenvolvemento de cursos e iniciativas académicas conxuntas.
Esta colaboración, con efectos inmediatos, terá unha vixencia de cinco anos e poderá ser renovado por calquera das dúas institucións. A posta en marcha das distintas actividades realizarase a través dos centros e departamentos das dúas universidades implicadas.