Pasar al contenido principal

Inaugúranse este mércores dous cursos de verán da USC nos campus de Santiago e Lugo

UNIVERSIDADE DE VERÁN DA USC

A Universidade de Santiago de Compostela inaugura este mércores 16 dos cursos de verán que se desenvolverán en Santiago e Lugo. Ambos os dous actos de apertura iniciaranse ás 10:00 horas da mañá.
Así, co título 'Combater a fame e a pobreza, proxecto de todos', comezará na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais de Santiago o seminario dedicado a analizar e afondar nas causas da pobreza e da fame no mundo así como debater sobre as actuais estratexias de actuación dos actores do sistema internacional de cooperación ao desenvolvemento.
A finalidade básica que perseguen estas xornadas é facer, desde a USC, unha achega tanto ás causas da pobreza e a fame como á análise das prácticas de cooperación dos axentes que conforman a nosa contorna institucional (UE, Estado español, Xunta de Galicia, ONGDs, universidades...).
Os debates neste seminario dirixido por Alfredo Macías Vázquez, de 20 horas lectivas, realizaranse nun contexto no que a loita contra a pobreza xunta os esforzos da comunidade internacional co fin de lograr en 2015 os Obxectivos de Desenvolvemento do Milenio (ODM).
LugoÁ mesma hora dará comezo na Oficina Principal de Caixa Galicia o curso de verán ‘A planificación estratéxica territorial aplicada á análise provincial’. Trátase dun seminario de 20 horas lectivas, dirixido por Alberto Meijide Vecino e Francisco Sineiro García, no que se reflexionará sobre a planificación estratéxica territorial, dende o propio concepto de planificación até a súa aplicabilidade en diferentes contextos territoriais.
Ao logo das sesións amosaranse os elementos básicos da planificación estratéxica territorial e a súa aplicación á provincia de Lugo. A finalidade será formar aos asistentes no desenvolvemento de planos estratéxicos en cidades, áreas metropolitanas ou provinciais.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 15.09.2009.