Pasar al contenido principal

A USC reúne esta semana a expertos internacionais da historia da estatística e a probabilidade

A Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais acolle a partir deste xoves 17 o V Congreso Internacional de Historia da Estatística e a Probabilidade. Con esta reunión bianual os expertos de todo o mundo chegados a Santiago pretenden promover a ensinanza, a investigación e a publicación de temas relacionados coa materia, contribuír á preservación de todo tipo de fontes históricas e estimular o interese na disciplina.
O congreso, organizado pola Asociación de Historia da Estatística e da Probabilidade de España (AHEPE), inaugúrase este xoves 17 ás 10:00 horas coa asistencia do presidente da AHEPE, Francisco Javier Martín Pliego; do director do Instituto Galego de Estatística, J Antonio Campo Andión; da decana da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da USC, Maite Cancelo; e do presidente do comité organizador, J Mª Riobóo Almanzor.
Ao longo dos dous días do congreso expertos de Universidades españolas, canadenses, italianas, francesas, israelís ou alemás, así como da Axencia Estatal de Administración Tributaria, do Eurostat ou de Institutos autonómicos de Estatística exporán en diversos paneis de comunicacións as súas últimas investigacións. Entre todos darán conta da influencia da estatística e a probabilidade na política, a economía, a medicina ou a ciencia.
Ademais, o encontro contempla tres conferencias de destacados expertos comezando este xoves ás 13:00 horas con Marc Barbut e Jacques Verón, do Centro de Análise e das Matemáticas Sociais do Instituto Nacional de Estudos Demográficos de París, co relatorio ‘Hai límite da duración da vida humana? A controversia Gumbel-Vincent-Fréchet (1937-1951)’. Seguiralle ás 17:30 horas Ernesto Azorín, do Eurostat (Luxemburgo), que analizará a influencia desa oficina no desenvolvemento do Sistema Estatístico Europeo.
Xa o venres ás 13:00 horas terá lugar a conferencia de Thierry Martin, da Universidade de Franche-Comté, titulada ‘As dúbidas de Federico Ancillon sobre as bases do cálculo das probabilidades 1794’.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 16.09.2009.