Pasar al contenido principal

Inauguración do primeiro Máster en Enxeñaría da Madeira Estrutural da Universidade de Santiago

É o primeiro destas características que se imparte nunha universidade española

O vicerreitor de Coordinación do Campus de Lugo, Carlos Herrero, inaugura este venres 19, ás 16:30 horas, a primeira edición do Máster en Enxeñaría da Madeira, dirixido polo catedrático de Cálculo de Estruturas da Escola Politécnica Superior de Lugo e director da Plataforma de Enxeñaría da Madeira da USC, Manuel Guaita Fernández. Liderado pola Universidade de Santiago, este máster é o primeiro destas características que se imparte nunha universidade española.
O acto inaugural celebrarase na Sala de Xuntas da Escola Politécnica Superior e nel participarán representantes das distintas entidades patrocinadoras, entre os que figuran o secretario xeral da Confederación Española de Empresarios de la Madera, Francisco de Paula Pons; o director do Instituto Galego de Vivenda e Solo, Antonio Boné; o director de Cis Madeira, Francisco Pedras; a xerente do Clúster da Madeira de Galicia, Belén Varela; o director do Centro Tecnológico Forestal y de la Madera del Principado de Asturias, Juan Majada; e a delegada territorial da Xunta de Galicia, Raquel Arias.
Con este título formaranse un total de 40 especialistas en cálculo e deseño de estruturas de madeira para a edificación, tanto arquitectónica como rural, e para proxectos de obra civil. O curso, que conta cunha carga lectiva de 500 horas, prolongarase ata o 25 de xuño de 2010.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 17.09.2009.