Pasar al contenido principal

As segundas xornadas sobre os recursos educativos en galego centraranse na educación primaria

A Facultade de Ciencias da Educación organiza este ano a segunda edición dunhas xornadas que pretenden afianzarse como espazo para o debate e a reflexión sobre os recursos educativos en lingua galega. Nesta ocasión, o encontro vai estar centrado nos materiais utilizados na educación primaria.
O encontro diríxese a alumnado, profesorado e PAS da Facultade de Ciencias da Educación, podendo validar a asistencia ás xornadas por un crédito de libre configuración para o que se deberá entregar unha memoria relacionada co tema.
Coa organización das II Xornadas ‘Os recursos educativos en galego’ os seus promotores pretenden que o alumnado desta facultade tome conciencia da importancia que teñen os recursos educativos na práctica docente, así como coñecer de primeira man cales son os materiais didácticos neste idioma dos que poderá dispoñer no seu futuro profesional.
O programa previsto, a celebrar entre os días 18 e 19 do vindeiro mes de decembro, permitirá coñecer cal é a situación actual dos materiais en lingua galega no ensino. Ademais, proporcionaralle aos futuros profesionais estratexias e criterios que lle permitan adaptalos e reelaboralos para atender ás diferentes necesidades de ensino-aprendizaxe que se desenvolven na aula e nos diferentes centros de Galicia.
O director de Edicións Xerais de Galicia, Manuel Bragado, vai pronunciar a conferencia inaugural do encontro falando sobre ‘A edición de recursos educativos en galego. Historia e retos de futuro’. Será a partir das 10:00 horas nas instalacións da Facultade no Campus Norte para continuar posteriormente coa conferencia que pronunciará Cristina Novoa e Pilar Sampedro titulada “O papel da biblioteca escolar nos Centros Educativos de Primaria.
Xa pola tarde, dende ás 16:00 horas, realizarase unha visita guiada á exposición de recursos didácticos en galego na Educación Primaria. Deseguido, entre as 17:00 e as 21:00 horas celebraranse dous obradoiros sobre ‘Folclore dende a raíz: cantamos, bailamos e coa tradición aprendemos e medramos’ a cargo de Marcos Botana e ‘Experiencias de recursos educativos na educación primaria elaborados polos propios profesores’, con Camino Pereiro.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 17.12.2009.