Inaugúranse este martes dous cursos da USC en Santiago e Vilagarcía
A Universidade de Santiago de Compostela inaugura este martes 14 dos cursos de verán que se desenvolverán en Santiago e Vilagarcía. Ambos os dous actos de apertura iniciaranse ás 10:00 horas da mañá.
Así, co título ‘Edición de textos en LaTeX’ comezará na Facultade de Matemáticas de Santiago o seminario dedicado ao tratamento de documentos científicos, dirixido por Rosana Rodríguez López. Trátase dun programa formativo estival, que consta de 25 horas lectivas que rematará o 18 de setembro. A finalidade básica deste seminario será poñer en práctica o emprego dunha ferramenta sen custo, estable, multiplataforma e que produce un documento de calidade tipográfica profesional: LaTeX, xa que na realización de tarefas académicas ou docentes, xorde a necesidade de elaborar documentos contendo expresións científicas complexas dificilmente manipulables utilizando procesadores visuais.
Dada a crecente demanda destes documentos no mundo científico e universitario, o curso resultará de interese a alumnos de diversas ramas de coñecemento que realicen un traballo académico, pero tamén a calquera usuario interesado en editar textos ben estruturados e de calidade, tratándose dunha ferramenta especialmente útil no manexo de expresións matemáticas.
VilagarcíaÁ mesma hora dará comezo en Vilagarcía o curso dirixido por Lourdes Noya Ferreiro ‘Xustiza e novas tecnoloxías: a modernización da Xustiza en España, unha tarefa pendente’, no Auditorio Municipal da localidade. No curso, de 30 horas lectivas abordarase ata o día 17 o estado actual da Xustiza e a importancia da súa modernización, non só desde o aspecto organizativo e de xestión, senón tamén no referente á tramitación e desenvolvemento dos diferentes procedementos.
Na primeira sesión analizarase o uso dos adiantos tecnolóxicos na oficina xudicial. A segunda versará sobre a aplicación das novas tecnoloxías na fase de investigación do proceso penal. Finalmente, a terceira sesión centrarase no emprego dos novos medios de proba no proceso civil, medios que se regulan por primeira vez na Lei de Enxuizamento Civil 1/2000.