Pasar al contenido principal

A USC ofrece incentivos aos estudantes que decidan solicitar bolsas de intercambio con universidades de Estados Unidos, Canadá ou Australia

O prazo de preinscrición remata o 30 de setembro

Os estudantes que decidan participar nos programas de mobilidade que a USC mantén con institucións universitarias de Estados Unidos, Canadá e Australia poderán acadar oito estadías gratuítas no país de destino, unha mellor dotación das bolsas e apoio específico para preparar as probas de inglés. Trátase de tres medidas coas que a Universidade compostelá tenta facilitar o intercambio de estudantes cara os países citados, nunha convocatoria na que as persoas interesadas teñen á súa disposición máis de 50 prestixiosas universidades entre as que elixir destino.
Deste xeito, a USC vai outorgar estadías gratuítas durante un ano (valoradas en máis de 30.000 euros) aos oito mellores candidatos. Ademais, máis de trinta estudantes poderán percibir 2.000 euros se realizan unha estadía dun cuadrimestre e 4.000 para os que permanezan o curso completo. Finalmente, a institución académica compostelá tamén ofrecerá axuda aos estudantes para a preparación das probas de inglés requiridas polas universidades de destino.
Á convocatoria poderán presentarase os estudantes matriculados na USC nos tres últimos anos da carreira, así como os recén titulados que desexen facer un máster de especialización. A preinscrición xa se pode realizar ata o 30 de setembro na páxina web da Oficina de Relacións Exteriores da USC. Na primeira semana do mes de outubro seleccionaranse cincuenta alumnos mediante unha proba previa de inglés, para ata mediados do mes de novembro preparar o examen TOELF, que vai subvencionar a Universidade de Santiago. En decembro, logo de realizar a proba de idiomas, procederase á selección definitiva de estudantes e á elección das universidades de destino.
A estadía desenvolverase a partir de febreiro do vindeiro ano 2010 ou durante o curso 2010-2011.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 11.09.2009.