Preto de cincocentos expertos internacionais en lingüística histórica da lingua española danse cita na USC

Converterse no foro por excelencia da lingüística histórica da lingua española é a finalidade perseguida polo VIII Congreso Internacional de Historia da Lingua Española, inaugurado este luns 14 na Universidade compostelá coa participación de preto de cincocentos participantes. A inauguración oficial do encontro, que se estenderá ata o día 18, celebrouse no Salón Nobre do Colexio de Fonseca baixo a presidencia da vicerreitora de Calidade, Mª Dolores Álvarez, coa asistencia do conselleiro de Cultura, Roberto Varela Fariña. Tamén asistiron o profesor e académico Guillermo Rojo; o presidente da Asociación de Academias de la Lengua Española, Humberto López; o conselleiro delegado de Relacións Institucionais, Andrés Fariña; o decano da Facultade de Filoloxía, Ernesto González; e o coordinador do congreso, Emilio Montero.
A primeira das conferencias plenarias do encontro tivo lugar no mesmo Salón Nobre e estivo protagonizada polo profesor Roger Wright que falou sobre ‘A composición das Actas do Concilio de Córdoba (839)’. A sesión reanúdase pola tarde xa na Facultade de Filoloxía que acubilla no seu Salón de Graos, a partir das 16:15 horas, unha mesa redonda sobre ‘A documentación romance’. Nela intervirán Germá Colón, da Universidade de Basilea; Antonio Salvador, da Universidade de Estremadura; Claudio García, da Universidade da Rioxa; e Pilar García, do Consello Superior de Investigacións Científicas.
Deseguido, iniciarase unha serie de sesións paralelas de comunicacións dedicadas de xeito monográfico a cuestións relacionadas coa morfoloxía e sintaxe históricas; lexicoloxía, lexicografía e semántica históricas; análise do discurso e pragmática histórica; historia do español en América; e sobre onomástica e toponimia. O profesor de Zaragoza José Mª Enguita porá o broche desta primeira xornada coa conferencia plenaria ‘Historia natural e léxico na obra americanista de Félix de Azara’.
O programa previsto para o martes 15 arrancará coa presentación simultánea de comunicacións, para dar paso ás 10:00 horas no Salón de Graos á mesa redonda ‘A gramaticalización e a oralidade: novos retos para a gramática histórica’. Xa ás 13:00 horas no Salón de Actos, o profesor da Universidade de Sevilla Manuel Ariza Viguera pronunciará a conferencia plenaria ‘O romance na primeira metade do século XIII’. Pola tarde, o programa reanudarase cunha nova mesa redonda sobre a historia da lingua española no mundo. Logo de dúas sesións de comunicacións, Gilles Luquet, da Universidade de París III Sorbonne Nouvelle, presentará a derradeira plenaria da xornada baixo o título ‘Sobre algúns aspectos da relación significante/significado’.
Presentación de actasIncluido no mesmo programa do congreso, presentáronse as actas do Congreso Internacional ‘La obra de Lapesa desde la filología actual’editadas pola Sociedad Estatal de Conmemoraciones Culturales (SECC), baixo a coordinación do Ministerio de Cultura. A presentación correu a cargo de José Jesús de Bustos (a cargo da edición xunto a Rafael Cano) e de Amaya de Miguel (directora de publicacións da SECC).
A obra representa unha análise crítica da achega de Lapesa á filoloxía dende a perspectiva de canto de novo foi aparecendo no panorama dos estudos filolóxicos nos últimos años. Seguindo os amplos e variados campos de investigación que Lapesa transitou, os autores tentan resaltar o que de valioso existe na obra lapesiana, pero tamén os ángulos da investigación que foron agromando coas novas formulacións da filoloxía e da lingüística.