Un investigador da USC alerta da sobreexplotación dos ecosistemas mariños baixo a regulación da Política Pesqueira Europea
A política pesqueira da Unión Europea na conservación dos recursos mariños é “ineficaz”, advirte o investigador da USC Sebastián Villasante á vista dos resultados da investigación realizada para a súa tese de doutoramento ‘Magnitude e implicacións da política pesqueira comunitaria: aplicación de indicadores de sustentabilidade sobre o metabolismo dos ecosistemas mariños’, que dirixiu a profesora María do Carme García-Negro, directora do Grupo de Investigación de Economía Pesqueira e Recursos Naturais. A metodoloxía e resultados deste estudo resultan de grande interese e actualidade dada a proximidade da reforma da política pesqueira europea.
O preocupante escenario que relata o investigador débese, en gran parte, á política de reestruturación da flota comunitaria nos últimos vinte anos “na medida en que alcanzou resultados razoablemente satisfactorios no seu obxectivo de reducir a pesca costeira”, aínda que, matiza, no que se refire á pesca de altura e grande altura “as accións adquiren unha natureza moito máis flexible, permitindo a expansión dun maior esforzo pesqueiro en pesqueiras de terceiros países e Alta Mar”.
Villasante aclara que esta situación non se produce só nos caladoiros comunitarios, “orixinando unha situación de sobreexplotación xeneralizada no 90% das especies comerciais”, senón tamén nas pesqueiras de augas profundas, “un dos últimos refuxios de biodiversidade mariña como os arrecifes de coral, onde a flota europea está pescando especies cada vez máis profundas e máis lonxevas, afectando fráxiles ecosistemas de elevada vulnerabilidade á sobreexplotación, especialmente no océano Antártico e no Atlántico Sudoccidental”.
Asegurar a sustentabilidadeCo obxectivo de medir a perda de biodiversidade mariña como resultado da actividade pesqueira o investigador aplicou indicadores de sustentabilidade en todo o litoral galego. Desa pesquisa conclúe que se está producindo un declive do nivel trófico medio das descargas na meirande parte das zonas, “o que pon de manifesto a necesidade de adoptar medidas para asegurar a sustentabilidade dos recursos pesqueiros do noso litoral para as futuras xeracións”, advirte.
Por iso Sebastián Villasante adianta posibles medidas de conservación que a Unión Europea debería adoptar para a recuperación dos stocks, tales como a redución do esforzo pesqueiro, o establecemento dunha rede de áreas mariñas protexidas ou a eliminación dos subsidios que incentivan a sobrecapitalización das flotas. No caso de introducir sistemas de dereitos de cotas transferibles, explica, estes deberían ter un carácter transitorio e adaptativo, “creando mecanismos para privilexiar a pesca artesanal sobre a pesca industrial”.