Pasar al contenido principal

A USC abre esta semana a matrícula para o novo POP en Industrias Leiteiras, que se impartirá no Campus de Lugo

A Consellaría do Medio Rural convocou axudas económicas para o alumnado do Máster

A Universidade de Santiago de Compostela abre o día 4 de setembro o prazo de matrícula para o Programa Oficial de Posgrao en Industrias Leiteiras, posto en marcha este ano no Campus de Lugo a través da USC en colaboración coa Universidade Agrocampus Ouest (Rennes-Francia), e que outorgará aos participantes o título de Máster en Industria e Economía Leiteira. O alumnado interesado neste programa de estudos pode solicitar ata o 5 do mesmo mes as axudas económicas convocadas pola Consellaría do Medio Rural para a realización de posgraos oficias en materia agroforestal.
O obxectivo xeral deste Máster é aportar unha formación orientada á especialización profesional no campo da industria láctea e capacitar ao estudante para incorporarse a un posto de traballo desta especialidade. Ao ser realizado entre estes dous centros ten carácter interuniversitario o que significa, que ademais de favorecer a mobilidade de estudantes, supón a adquisición dun título conxunto entre a Universidade de Santiago de Compostela e Agrocampus Ouest.
Trátase dun máster de carácter profesional, semipresencial, estruturado en catro módulos distrubuídos ao longo de dous anos, o que supón un total de 120 créditos ECTS. O primeiro ano as clases teóricas e prácticas impartiranse en tres tardes por semana no Campus de Lugo. No segundo ano, no primeiro cuadrimestre haberá clases presenciais e no segundo garase unha estadía nuynha empresa do sector e o Proxecto Fin de Máster.
O prazo de matrícula provisoria, que se abre o día 4 de setembro, permanecerá aberto ata o día 10 do mesmo mes. Os interesados en obter máis información sobre o mesmo poden facelo a través da web da USC, www.usc.es/pop ou nas páxinas www.lugo.usc.es/epslugo/; www.lugo.usc.es/fcien e www.tecal.net.
Este novo POP responde ás esixencias da industria láctea, sector no que a innovación e a transferencia de coñecemento é vital para o seu desenvolvemento e competencia a nivel estatal e europeo, polo que o obxectivo do programa é dar formación especializada neste campo. Galicia supón o lugar adecuado para esta materia xa que resposta a unha demanda real do sector. De feito, Galicia supón máis do 35% da produción láctea total do país, pero existe un forte desequilibro entre a produción e a transformación, polo que a innovación na industria é fundamental. Moitas das empresas manifestaron xa o seu interese en colaborar co programa recibindo aos estudantes en prácticas.
En Lugo colaboran neste máster tres centros, a Facultade de Ciencias, a Escola Politécnica Superior e a Aula de Produtos Lácteos. Está aberto a todas as titulacións medias e superiores afíns ao sector.
Os bloques de estudo centraranse na orixe e caracterización da materia prima, na tecnoloxía do leite e os produtos lácteos, a calidade e a seguridade alimentaria e a planificación, xestión e comercialización.
Os módulos teóricos complementaranse con outras actividades pedagóxicas como o estudo dunha lingua, que pode ser o inglés ou o francés en Lugo e o español ou inglés en Rennes. Os alumnos realizarán tamén unha estadía dun mes ao finalizar o primeiro módulo nunha explotación, nunha empresa ou nun laboratorio. O período teórico rematará cunha estadía de tres meses nunha empresa, para rematar o programa coa elaboración e defensa oral dun proxecto ou traballo.
Este Programa Oficial de Posgrao conta coa participación de máis de 80 profesores de distintas disciplinas enmarcadas na actividade de 21 departamentos da Universidade de Santiago de Compostela e do Departement Agroalimentaire do Agrocampus Rennes.
Tanto a USC como o centro francés contan con diferentes grupos de investigación punteiros que levan desenvolvendo proxectos que van dende a investigación básica ata os estudos máis aplicados a este sector produtivo.
Agrocampus Ouest (anteriormente Agrocampus Rennes) ou Instituto Nacional de Ensinanza Superior e de Investigación Agronómica e Agroalimentaria de Rennes, foi creado en xaneiro de 2004 para reagrupar a Escola Nacional Superior de Agronomía de Rennes (ENSAR), ao Instituto Nacional Superior de Formación Agroalimentaria (INSFA) e ao Instituto de Estudos Superiores de Industria e Economía Leiteiras.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 31.07.2008.