Pasar al contenido principal

A Universidade de Santiago disporá en 2009 duns orzamentos de 245,9 millóns de euros

O Consello de Goberno aprobou as contas da USC, á espera de que tamén o faga o Consello social

O orzamento da USC para o ano 2009 ascende a 245,9 millóns de euros, o que representa un incremento con respecto ao ano que remata do 3,4 por cento. Trátase dun “orzamento contido”, segundo o vicerreitor de Economía Miguel A. Vázquez Taín, que segue a decorrer “nun xa longo período de transición” entre a fase de recondución da situación económica e “a adecuada atención ás necesidades e retos que temos por diante”. O Consello de Goberno da USC aprobou o documento este luns 22 na xuntanza celebrada en San Xerome e á espera de que faga o propio o Consello Social.
O incremento ten a súa orixe principalmente na evolución dos recursos derivados do Plan de Financiamento do Sistema Universitario Galego (SUG), cuxas partidas medran un 3,2 por cento. Neste senso, e a pesar do avance experimentado dende 2005, o esforzo investidor da Comunidade Autónoma situarase en 2009 ao redor do 0,71 por cento do PIB, “moi lonxe do obxectivo comprometido polo propio goberno” e “máis lonxe aínda da realidade financeira das universidades do Estado español”, denunciou Taín, onde en moitos casos o financiamento autonómico se sitúa por riba do 1 por cento.
Para este novo ano, as contas da institución universitaria compostelá están orientadas por unha liña de contención de gasto xa que a recondución da difícil situación económica que atravesou a Universidade de Santiago en anos pasados debería definitivamente consolidarse en 2009 da man da reformulación do Plano de Financiamento do Sistema Universitario Galego.
Nun contexto económico moi desfavorable a escala planetaria do que a USC é consciente, “cada euro do orzamento debe ser investido máis que nunca co máximo rigor” subliñou recentemente o reitor da USC, Senén Barro Ameneiro, que aposta por buscar a maior eficiencia e eficacia na execución dos recursos.
Títulos de grao e másterNa reunión do órgano de goberno, presentouse ademais o informe de mobilidade de estudantes entre 2004-2008 e aprobáronse un total de doce novos títulos de grao adaptados ao EEES, entre os que se atopan os graos en Administración e Dirección de Empresas; Bioloxía; Economía; Enxeñaría Informática; Filoloxía Clásica; Física; Lingua e Literatura Españolas, Galegas, Inglesas e Modernas; Química e en Xeografía e Ordenación do Territorio. Do mesmo xeito, o Consello de Goberno tamén aprobou diversas propostas de máster, tanto de nova creación como por transformación de programas anteriores.
Outro dos asuntos que obtivo o respaldo do Consello foi a convocatoria de axudas para investigación do vindeiro ano 2009, e que contempla catro modalidades, axudas para viaxes, o programa para premios estatais, axudas para visitas de investigadores e axudas abertas.
O regulamento de réxime interno do Observatorio do Código Ético, os criterios para a avaliación do mérito docente, a normativa de concesión de licenza por ano sabático e a avaliación da actividade investigadora para o profesorado contratado a templo completo son outros puntos a tratar na xuntanza.
Consello SocialAprobados os orzamentos, o pleno do Consello Social da USC someteraos esta mesma tarde, a partir das 16:30 na súa sede na Casa da Concha, á súa votación definitiva. Nesa xuntanza trátanse outros asuntos tales como os seus propios orzamentos para 2009, os informes sobre a creación de titulacións de grao e de másteres oficiais, as taxas de cursos de posgrao, a proposta de asignación de complementos retributivos autonómicos ou o informe sobre modificación da relación de postos de traballo do PDI.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 22.12.2008.