Pasar al contenido principal

Os XXIII Encontros de Educación para a Paz analizarán a relación entre educación, democracia e laicidade

Os XXIII Encontros de Educación para a Paz celebraranse entre os vindeiros 6 e 8 de marzo na Escola Galega de Administración Pública (EGAP) baixo o lema ‘Educación, democracia e laicidade’. O programa do encontro presentárono este martes 4 en rolda de prensa o vicerreitor de Relacións Institucionais da USC, Lourenzo Fernández Prieto, e o presidente do Seminario Galego de Educación para a Paz, Manuel Dios Diz.
O presidente do Seminario destacou no transcurso da presentación a actualidade do tema proposta para esta edición dos Encontros ao considerar que en España a laicidade na educación non está formulada nos termos axeitados. Manuel Dios considera que tratar de incorporar todas as confesións no sistema educativo non é unha solución e que esta debería estar vencellada cunha materia na que, dende a perspectiva dos dereitos humanos, analizase e reflexionase sobre as relixións. Pola súa banda, o vicerreitor compostelán cualificou aos Encontros como un clásico pola súa longa traxectoria ao longo dos anos. Lourenzo Fernández tamén subliñou que estas xornadas permitirán reflexionar sobre o modelo laico que se desexa implantar no ensino en España.
Os Encontros arrancarán o próximo xoves 6 coa conferencia inaugural que pronunciará ás 18:30 horas o catedrático de Filosofía do Dereito da Universidade Carlos III de Madrid, Gregorio Peces Barba, na que falará sobre ‘Laicidade e laicismo’ . Seguiralle a partir das 20:00 horas o filósofo do Instituto de Estudos Políticos de París, Henri Peña Ruiz, que tratará ‘A tradición laica da Francia republicana’.
A xornada do venres, día 7, contará coa participación a partir das 18:00 horas do director da Cátedra de Teoloxía e Ciencias das Relixións na Universidade Carlos III de Madrid, Juan José Tamayo, para falar sobre ‘Fundamentalismos e diálogo entre relixións’. A xornada completarase coa celebración da mesa redonda ‘Sobre os veos e outros símbolos relixiosos nas escolas’. Nela intervirán o ex-presidente da CEAPA e vicepresidente de Europa Laica, Francisco Delgado, e Calo Iglesias, autor do libro Historia das relixións.
A xornada de clausura, o sábado 8, comezará ás 10:00 horas e inclúe a celebración de diversos obradoiros simultáneos así como a presentación de experiencias prácticas, entre as que se atopan Galicia Acolle, o Foro Galego de Inmigración, Xogos Cooperativos, Europa Laica. A sesión rematará coa proxección e posterior debate ao redor do documental ‘Cultura de paz’.
‘Patriarcado, xénero e cidadanía democrática’ é o título da mesa redonda que comezará a partir das 17:00 horas coa participación de teólogo e feminista, Margarita Pintos de Cea Naharro; da comentarista de La Voz de Galicia, Yasmina Shawki; e da avogada e membro do Seminario Galego de Educación para a Paz, Cristina Vicente.
O profesor de Filosofía da Relixión da USC Andrés Torres Queiruga será o encargado de pechar a quenda de intervencións coa conferencia titulada ‘Laicidade, liberdade relixiosa, e escola pública’. O acto de clausura celebrarase a continuación e inclúe a actuación musical de ‘No Title’ e a representación teatral da obra ‘A obra e o xeneral’, de Calo Iglesias, a cargo de alumnado do IES Xelmírez II de Santiago.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 04.03.2008.