O Consello de Goberno trata as liñas xerais da USC para a elaboración de novas titulacións oficiais
O Consello de Goberno da USC reunirase este venres 14 para tratar as liñas xerais da institución académica compostelá en materia de novos títulos oficiais así como o manual de avaliación da actividade docente, entre outros asuntos.
Na xuntanza, que comezará ás 9:30 horas no Salón Reitoral do Colexio de San Xerome, analizaranse tamén o regulamento de Honras e Distincións, os acordos para impulsar a planificación estratéxica dos departamentos e os informes relativos aos sucesos acaecidos na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais e sobre as Cátedras Institucionais.
Outros puntos incluídos na orde do día son os relativos ás convocatorias de axudas para proxectos de cooperación cultural e organización de ciclos e accións culturais entre 2008 e 2009, a normativa para o uso das dependencias da Casa dos Catedráticos, a modificación da convocatoria de axudas para investigación, cursos de posgrao propio e a proposta de dirección do Departamento de Lóxica e Filosofía Moral.
Completan a orde do día, os puntos sobre complementos de xestión, prazas de profesorado ou a normativa de transferencia e recoñecemento de créditos, entre outros asuntos.