Pasar al contenido principal

Oito investigadoras da USC, homenaxeadas polo Concello de Santiago

No marco da conmemoración do Día da Muller Traballadora, o Concello compostelán celebrou este mércores no Hostal dos Reis Católicos unha homenaxe a investigadoras da Universidade de Santiago no campo das ciencias sociais. Asistiron ao evento o reitor da USC, Senén Barro, e a conselleira de Educación, Laura Sánchez Piñón.
Foron oito as mulleres ás que este ano o Concello lles recoñeceu o seu esforzo investigador, nun “merecido acto que agardamos sirva para salvar así, pouco a pouco, a discriminación que domina aínda en ámbitos como o universitario”, dixo o alcalde.
Nesta especial cerimonia as homenaxeadas foron a catedrática de Filosofía Moral e Política María Xosé Agra; a catedrática de Comunicación Audiovisual Margarita Ledo; a catedrática de Filoloxía Latina Dulce Estefanía; a catedrática de Historia e Institucións Económicas María Xosé Rodríguez Galdo; a catedrática de dereito Civil María Paz García Rubio; a profesora de Xeografía Humana Monserrat Villarino; a profesora de Literatura Española Margarita Santos Zas; e a catedrática de Personalidade, Avaliación e Tratamento Psicolóxicos Ángeles Luengo.

Todas elas coincidiron, nas súas respectivas intervencións, en resaltar o papel da muller no eido investigador e a necesidade de rachar coas trabas que durante a Historia impediron que o seu esforzo académico sobresaíse. Con palabras en lembranza das súas predecesoras, reclamaron tamén unha maior atención á conciliación da vida laboral e familiar.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 13.03.2008.