Pasar al contenido principal

Tecnoloxía e cooperación para o desenvolvemento humano na ETSE

A Escola Técnica Superior de Enxeñaría de Santiago acolle estes días un curso sobre tecnoloxía e cooperación para o desenvolvemento humano que organiza o Servizo de Participación e Integración Universitaria da Vicerreitoría da Comunidade Universitaria e Compromiso Social.
No curso, que deu comezo este venres, estanse a definir os conceptos básicos da cooperación para o desenvolvemento humano, os precedentes históricos das relacións Norte-Sur e o modelo actual de desenvolvemento e a pobreza. Do mesmo xeito, estanse a formular alternativas ao desenvolvemento actual e a explicar cuestións como o comercio da saúde e o labor dos axentes de cooperación.
A xornada do sábado dedicarase a analizar os distintos movementos sociais no Norte e no Sur, as políticas de cooperación para o desenvolvemento e as súas ferramentas para, xa o domingo, profundar no coñecemento de culturas indíxenas ou na perspectiva de xénero na cooperación.
Este curso continuará a fin de semana do 11 ao 13 de abril con temas relacionados co medio ambiente, a ordenación territorial, o papel da agricultura no desenvolvemento no Sur, o concepto de Tecnoloxías apropiadas, o modelo enerxético actual e as súas alternativas, o acceso á auga como dereito universal, o Proxecto de Coñecemento da Realidade de ESF no Sahara ou o comercio xusto e consumo responsable.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 28.03.2008.