Pasar al contenido principal

'In marsupiis peregrinorum' abriu coa importancia da peregrinación xacobea para a difusión das novidades culturais

O congreso internacional celébrase na Facultade de Filoloxía da USC dende este luns ata o venres 28

‘A circulación de textos arredor do Camiño de Santiago’ foi a conferencia coa que o profesor da USC, José Manuel Díaz de Bustamante, inaugurou este luns o congreso internacional ‘In marsupiis peregrinorum. Circulación de textos e imaxes arredor do Camiño de Santiago na Idade Media’. Escrito polo seu pai o catedrático emérito recentemente falecido Manuel Cecilio Díaz y Díaz, o relatorio resaltou a importancia da peregrinación xacobea para a difusión das novidades culturais do resto de Europa na Península Ibérica e viceversa. Como exemplo puxo a chegada da lírica occitana, feita en lingua románica, que influíu no xurdimento da lírica galego-portuguesa.
Ao acto de presentación do encontro tamén asistiron o director-xerente da S.A. de Xestión do Plan Xacobeo, Ignacio Rodríguez; o vicerreitor de Oferta Docente e Espazo Europeo de Educación Superior, Máximo Pló; o vicerreitor de Comunidade Universitaria e Compromiso Social, José M. Mayán; e as co-organizadoras do congreso, Esther Corral, profesora titular da área de Filoloxía Románica, e Mariña Arbor, investigadora da área de Filoloxía Románica.
O programa do congreso, que se celebra na Facultade de Filoloxía ata o venres 28, organízase en dúas partes diferenciadas. O primeiro bloque, do luns ao mércores, confórmano unha serie de relatorios nos que especialistas internacionais abordarán os temas obxecto de estudo dende diferentes perspectivas. A segunda parte, do xoves ao venres, orientarase aos doutorandos que desexen participar coa presentación de comunicacións e a intervención en mesas redondas, apoiados por estudosos expertos.
Na primeira sesión do encontro tamén se abordou a devoción a Santiago entre Oriente e Occidente da man do experto da USC Fernando López de Alsina. O docente incidiu no papel do culto xacobeo para darlle a Santiago a súa importancia como centro de peregrinación cristiá, xunto a Roma e Xerusalén. Finalmente, interveu a docente da Universitá degli Studi di Milano, María Luisa Meneghetti para analizar a circulación de textos e manuscritos durante a Idade Media.
As primeiras conferencias da tarde a cargo da investigadora da Università degli Studi di Roma Tre, Giulia Lanciani, e do profesor Rossi tratan a importancia dos trobadores no Camiño. A última parte deste primeiro día achega as comunicacións ‘A peregrinaxe das versións galegas do ciclo clásico na Idade Media’, ‘Os libros litúrxicos na Catedral de Santiago (ss. XI-XV): análise da súa circulación e vicisitudes’, e ‘Occursus itineris in loco sancto’.
Martes 25A segunda xornada do congreso dará comezo ás 10:00 horas coa intervención do profesor da USC Santiago López Martínez-Morás sobre a épica francesa e o Camiño de Santiago. Logo, ás 10:45 horas, o docente da Università degli Studi di Trieste Marco Piccat pronunciará a conferencia ‘La versione occitanica dello Pseudo-turpino nel panorama delle traduzioni romanze’ e, xa ás 12:30, os profesores da USC Ramón Mariño Paz e Xavier Varela profundarán nas linguas do Camiño durante a Idade Media.
Despois dun coloquio, a mañá do martes rematará ás 13:30 horas coa presentación das comunicacións ‘Urraca e Teresa: o paradigma perdido’ de María do Rosario Ferreira, e ‘Unha deviazione al Camino de Santiago: Les Santes Maries de la Mer’ de Simone Sari.
O primeiro relatorio da tarde, ás 16:30 horas, será o titulado ‘Route de Saint-Jacques ou conquête de l’Espagne? Autour de la Chronique de Turpin, de chansons de geste et de Philippe Mousket’ do investigador da Université Paris IV-Sorbonne Dominique Boutet. Despois haberá un coloquio ás 17:15 horas e achegaranse comunicacións ás 18:00 horas sobre a defensa do Camiño e os sacramentos na portada de Praterías. A reunión de doutorandos europeos, a partir das 18:45 horas, será o último acto desta sesión académica.
O encontroO encontro, que inclúe o Congreso de Novos Investigadores na Idade Media, representa a sétima edición do congreso internacional do Programa de Doutoramento Europeo en Filoloxía Románica que a USC mantén coas universidades de Milano, Zúrich, Paris IV-Sorbonne, Pavia e Siena. Nas distintas xornadas previstas participarán especialistas en historia, arte e literatura, así como na lingua e no imaxinario que se construíu arredor do Camiño de Santiago durante a Idade Media.
Co título do congreso, as organizadoras quixeron aludir explicitamente ás funcións que o camiño asumía no nacemento e configuración das linguas e literaturas vulgares hispánicas, xa que os peregrinos no seu tránsito de oriente cara a occidente convertéronse en difusores de libros, textos e cancións. Estes materiais foron unha fonte destacada na conformación do acervo lingüístico, literario e cultural do noroeste peninsular.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 24.03.2008.