O uso das TIC no ámbito municipal, eixo das xornadas organizadas pola USC no marco da cátedra Jaime Vera
A Universidade de Santiago de Compostela e a Fundación Jaime Vera celebrarán este venres 28 as xornadas ‘Mellores prácticas no uso das TIC no ámbito municipal’, organizadas no marco da cátedra Jaime Vera de Emprendimento Social e nas que se analizará a situación actual, o grado de implantación, as experiencias de gobernos locais socialistas e as perspectivas de futuro en materia de incorporación de novas tecnoloxías nas administracións locais. As charlas están dirixidas especialmente a cargos públicos e políticos do ámbito local e do universitario, aínda que a participación está aberta a todo o público.
As xornadas darán comezo ás 10:00 horas coa inauguración a cargo do vicerreitor de Coordinación do Campus de Lugo, Carlos Herrero, que estará acompañado pola directora da cátedra Jaime Vera de Emprendimento Social, Elena Vázquez Cendón; a directora da aula TIC-Pemes da USC, María Ángeles López Cabarcos, e o director da Fundación Jaime Vera, Francesc Romeu i Martí.
O programa dividirase en dúas mesas redondas, ás 10:30 e ás 12:30 horas. A primeira, co título ‘Experiencias municipais nas novas tecnoloxías’, estará moderada pola concelleira de Servizos Xerais do Concello de Lugo, Luisa Zarzuela. Participarán o director de Novas Tecnoloxías no Concello lugués, Efrén Arias Jordán, e a directora de Sistemas de Información, Informática e Cartografía do concello de Leganés, Virginia Moreno Bonilla.
Continuará o programa cun coloquio sobre ‘Presente e futuro da innovación tecnolóxica nos concellos’ moderada por Javier Franco Tubío, director da Área TIC da USC. Participarán o director Territorial de Galicia e Asturias de Telefónica España, José Ángel Veiga Abeledo; o xefe do Departamento de Atención Cidadá do Concello da Coruña, José María Ares Abalo, e o concelleiro de Innovación do Concello de Sevilla, Juan Antonio Martínez Troncoso.
As xornadas desenvolverase no Centro de Empresas e Innovación (CEI) e serán clausuradas, ás 14:00 horas, polo alcalde de Lugo, José López Orozco; o director xeral para o Desenvolvemento da Sociedade da Información do Ministerio de Industria, Turismo e Comercio, David Cierco Jiménez de Parga, e o Presidente da Deputación Provincial, José Ramón Gómez Besteiro.
Os interesados en participar poden facer a súa inscrición a través da web da fundación, http://www.fundacionjaimevera.org/documentos/jornadas_lugo.htm, ou chamando ao teléfono 9185812412. Tamén se ofrece información na dirección de correo electrónica niera [at] fundacionjaimevera.org (niera[at]fundacionjaimevera[dot]org).