Pasar al contenido principal

O tráfico de mulleres e a prostitución, primeira cuestión das III Xornadas de Formación, Educación, Xénero e Igualdade

As sesións académicas comezaron este xoves na Facultade de Ciencias da Educación do Campus Sur

As III Xornadas de Formación, Educación, Xénero e Igualdade comezaron este xoves coa intervención da presidenta de Alecrín, Ana Míguez, sobre o tráfico de mulleres e a prostitución. Organizadas polo Centro Interdisciplinario de Investigacións Feministas e de Estudos de Xénero (CIFEX) da USC, o encontro celébrase ata o venres 28 na Facultade de Ciencias da Educación do Campus Sur.
Antes da conferencia tivo lugar a inauguración oficial á que asistiron a secretaria xeral de Igualdade da Vicepresidencia, Carme Adán; a coordinadora da Oficina de Igualdade e Xénero da USC, Isabel Diz; a concelleira de Asuntos Sociais de Santiago, Mar Martín; o decano da Facultade de Ciencias da Educación, Lois Ferradás; a directora do CIFEX, Rita Radl e a responsable das xornadas, Ana María Porto.
Despois, realizouse un coloquio para debater as diversas formas de violencia en función do xénero na actualidade. A reunión, moderada pola profesora da USC Cristina Abeal, contou coa participación de representantes das asociacións Vagalume, Homes Pola Igualdade e Mulleres Liberanza.
En xeral, segundo a profesora Radl, estas sesións académicas teñen por obxecto unha preparación específica no tema das relacións de xénero, educación e igualdade. Para iso, parten da importancia “básica” e o poder das relacións de xénero en calquera estrutura e organización social coñecida.
Venres 28A xornada do venres 28 abrirá ás 9:00 horas co relatorio da directora do Servizo Galego de Igualdade, Ana Luisa Bouza, sobre prevención e tratamento integral da violencia contra as mulleres en Galicia. Logo, a psicóloga Pilar González abordará ás 12:00 horas os aspectos didácticos e metodolóxicos específicos.
Na sesión vespertina, a profesora da Universidade Complutense de Madrid, Gema Martín, tratará ás 16:00 horas a prevención da violencia contra as mulleres dende a educación. Xa ás 18:30 horas, a Facultade acollerá un seminario sobre actuacións e políticas específicas de igualdade.
Enlazadas coas sesións académicas anteriores, a Facultade de Ciencias de Educación do Campus Sur será sede os días 3 e 4 de abril das V Xornadas de Estudos e de Formación en Xénero destinadas á analizar a situación actual das graduadas universitarias e a súa realidade sociolaboral e educativa.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 27.03.2008.