Pasar al contenido principal

Carlos Herrero inaugura o venres as xornadas sobre o uso das TIC no ámbito municipal organizadas pola cátedra Jaime Vera

O vicerreitor de Coordinación do Campus de Lugo, Carlos Herrero, inaugura este venres, ás 10:00 horas, no Centro de Empresas e Innovación de Lugo as xornadas ‘Mellores prácticas no uso das TIC no ámbito municipal’, organizadas no marco da cátedra Jaime Vera de Emprendemento Social pola Universidade de Santiago de Compostela e a Fundación Jaime Vera e patrocinadas pola Fundación Telefónica.
Nestas xornadas, que se celebran por primeira vez en Lugo, se analizará a situación actual, o grado de implantación, as experiencias de gobernos locais socialistas e as perspectivas de futuro en materia de incorporación de novas tecnoloxías nas administracións locais. As charlas están dirixidas especialmente a cargos públicos e políticos do ámbito local e do universitario, aínda que a participación está aberta a todo o público. Actualmente están inscritas 50 persoas.
O vicerreitor estará acompañado na inauguración pola directora da cátedra Jaime Vera de Emprendimento Social, Elena Vázquez Cendón; a directora da aula TIC-Pemes da USC, María Ángeles López Cabarcos, e o director da Fundación Jaime Vera, Francesc Romeu i Martí.
O programa dividirase en dúas mesas redondas, ás 10:30 e ás 12:30 horas. A primeira, co título ‘Experiencias municipais nas novas tecnoloxías’, estará moderada pola concelleira de Servizos Xerais do Concello de Lugo, Luisa Zarzuela. Participarán o director de Novas Tecnoloxías no Concello lugués, Efrén Arias Jordán, e a directora de Sistemas de Información, Informática e Cartografía do concello de Leganés, Virginia Moreno Bonilla.
Continuará o programa cun coloquio sobre ‘Presente e futuro da innovación tecnolóxica nos concellos’ moderada por Javier Franco Tubío, director da Área TIC da USC. Participarán o director Territorial de Galicia e Asturias de Telefónica España, José Ángel Veiga Abeledo; o xefe do Departamento de Atención Cidadá do Concello da Coruña, José María Ares Abalo, e o concelleiro de Innovación de Sevilla, Juan Antonio Martínez Troncoso.
As xornadas serán clausuradas, ás 14:00 horas, polo alcalde de Lugo, José López Orozco; o director xeral para o Desenvolvemento da Sociedade da Información do Ministerio de Industria, Turismo e Comercio, David Cierco Jiménez de Parga, e o Presidente da Deputación Provincial, José Ramón Gómez Besteiro.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 27.03.2008.