O prestixioso científico Francisco J. Ayala disertou na Facultade de Farmacia sobre 'Darwing e o deseño intelixente'

O prestixioso científico español Francisco J. Ayala pronunciou este martes 25 na Aula Magna da Facultade de Farmacia a conferencia titulada ‘Darwing e o deseño intelixente’, organizada pola Academia de Farmacia de Galicia. Profesor de Ciencias Biolóxicas e Filosofía da Universidade de California (EEUU), o xornal The New York Times apodaba recentemente ao profesor Ayala como o “home do renacemento da bioloxía evolutiva’.
A súa traxectoria investigadora permitiulle afondar de xeito destacado no campo da xenética de poboacións e a evolución biolóxica, incluíndo a orixe das especies, a diversidade xenética dos organismos, o reloxo molecular da evolución ou a evolución humana. Ademais, o seu traballo contribuíu ao estudo dun dos grandes males da humanidade, a malaria.
A este abano de campos de estudo é preciso engadir as súas incursións no ámbito da filosofía da bioloxía, a bioética ou o intenso debate sobre a relación ciencia-relixión. Este labor investigador é a base dunha notable produción bibliográfica xa que é autor de máis de 860 artigos e dúas decenas de libros.
Doutorado pola Universidade de Columbia en 1964, o profesor Ayala foi presidente da American Association for the Advancement of Science, da Society for the Study of Evolution e do Board of Biology do National Research Council. Formou parte activa do Consello de Goberno da National Academy of Sciences, do Consello Nacional sobre o Xenoma Humano de Estados Unidos, do Comité Científico Executivo da Environmental Protection Agency, da Comisión de Ciencias Biolóxicas do National Research Council e do Consello Nacional de Ciencias Médicas Xerais dos institutos nacionais de saúde norteamericanos. Ayala é ademais membro estranxeiro da Real Academia de Ciencias de Madrid e da Academia de Ciencias de Rusia.
Entre outros recoñecementos recibiu a Medalla de Honra de Ouro de Mendel da Academia Checa de Ciencias, o premio á Liberdade e Responsabilidade Científica e a Medalla do College de France así como a Medalla Nacional da Ciencia en Estados Unidos.
A súa relación con España segue sendo intensa a pesar de levar afincado dende fai más de trinta anos en Estados Unidos. Mostra deste vínculo son os títulos de Doutor honoris causa concedidos pola Universidade Complutense de Madrid, a Universidade Central de Barcelona, a Universidade de León, a Universidade de Valencia ou a Universidade de Vigo, entre outras.