Pasar al contenido principal

Dous cursos da USC profundan na historia da cultura e cata do viño

Achegarse á historia da cultura e cata do viño tanto en Galicia coma no conxunto español é o propósito dos cursos de formación continua que, nas súas modalidades básica e de perfeccionamento, se desenvolverán nos meses de marzo e abril na USC e para os que xa está aberto o prazo de inscrición, que rematará o 29 de febreiro.
Os detalles dos cursos ofrecéronos no Hotel Virxe da Cerca o seu director, o profesor da USC especialista en historia do viño e a alimentación, Xavier Castro, xunto co director xeral de Turismo, Rubén Lois, e o subdirector xeral de Industria e Calidade Agroalimentaria, Ricardo Rivas, nun acto no que ademais se cataron viños das 5 Denominacións de Orixe de Galicia e que foron comentados pola enóloga Cristina Alcalá, autora do libro El mundo del vino contado con sencillez. Asistiu tamén á presentación a decana da Facultade de Xeografía e Historia, Mar Llinares.
Serán precisamente Xavier Castro e Cristina Alcalá os responsables da docencia, que se impartirá no Hotel Virxe da Cerca os luns e mércores de 20:00 a 22:30 horas, do 3 ao 31 de marzo no caso do curso básico e do 2 ao 30 de abril no de perfeccionamento.
Curso básicoNo curso básico, e referido á cultura do viño, explicarase o valor tradicional deste como produto de primeira necesidade, pero tamén como símbolo identitario, o seu erotismo, a historia do gusto, os factores socioculturais na base da preferencia polo branco ou tinto, a polisemia, a simboloxía ou a súa relación coa muller serán outros dos temas a tratar neste módulo inicial.
Xa no módulo de cata os asistentes diferenciarán cepas e coñecerán as distintas Denominacións de Orixe galegas así como as variedades autóctonas e foráneas. Ademais, catarán un importante elenco de caldos galegos de calidade.
PerfeccionamentoPola súa parte, no curso de perfeccionamento profundarase na peripecia histórica dos viños galegos e do conxunto de España, nas variedades de cepas foráneas/autóctonas e portaenxertos americanos, nos usos culturais das parras e outros elementos da vide, na vendima no ciclo do calendario agrícola, nos modos de beber ou nos erros e prexuízos na elaboración do viño, entre outras moitas cuestións.
As Denominacións de Orixe contra os Viños da Terra; a influencia da madeira no viño, as técnicas e tempos de crianza, o protocolo ou a maridaxe de viños e gastronomía galega son os temas a tratar no módulo de cata. Ademais, para desenvolver os sentidos e comparar estilos de elaboración cataranse viños nacionais, pertencentes as zonas máis representativas, e internacionais, cunha selección dos países máis importantes en canto a produción e calidade.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 13.02.2008.