Pasar al contenido principal

Destacada presenza da Universidade de Santiago na Feira do Libro da Habana

A Universidade de Santiago, que desde inicios dos anos noventa posúe a Cátedra da Cultura Cubana Alejo Carpentier, terá unha destacada presenza na Feira do Libro da Habana, un dos principais eventos culturais de Latinoamérica no que Galicia é nesta ocasión o país convidado.
Serán varios os volumes que entre os días 13 e 25 de febreiro se presentarán na feira e que darán mostra da capacidade de edición e de divulgación de coñecemento que caracteriza á institución compostelá. Para iso, a Cuba viaxará unha delegación encabezada polo vicerreitor de Cultura, Elías Torres Feijó.
En concreto, en coedición coa Xunta a USC publicou tres títulos que terán importantes presentacións no cadro destas xornadas. Son a reedición bilingüe (galego-castelán) do libro 16 poemas para Ernesto Ché Guevara contra a súa morte, coordinado por Xesús Alonso Montero e X.M. Salgado, e con tradución ao castelán de María do Cebreiro Rábade Villar; De raíz profunda. Galicia y lo gallego en Cuba, coordinado por Pilar Cagiao e Sergio Guerra Vilaboy; e, finalmente, a antoloxía facsimilar da revista infantil cubana Diez años de Zun Zun (1980-1990), edición e estudo introdutorio de Ana Chouciño.
Destaca ademais a presentación dos volumes da Biblioteca da Cátedra da Cultura Cubana Alejo Carpentier, dirixida por Ana Chouciño, en especial do último desta colección, Te seguirá mi canción del alma. El bolero cubano en la voz de las mujeres, da autoría de María do Cebreiro Rábade Villar e Yolanda Novo, ex directora da Cátedra que será a encargada de presentar estas dúas publicacións no transcurso da feira.
Xunto á presentación destas novas obras ou reedicións, na feira haberá unha selección dos títulos da USC máis recentes e de maior relación con Cuba e Latinoamérica.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 11.02.2008.