Pasar al contenido principal

A Facultade de Psicoloxía celebra a festividade do seu patrón Juan Huarte de San Juan

Na sesión intervirá o catedrático da Universidade de Valencia e experto en seguridade vial Luís Montoro, un dos impulsores do actual carnet de conducir por puntos

O reitor da USC, Senén Barro, presidirá o vindeiro luns 25 o acto institucional que a Facultade de Psicoloxía vai celebrar con motivo da festividade do patrón do centro Juan Huarte de San Juan. A sesión comezará ás 12:00 horas no Salón de Actos da Facultade coa participación ademais do equipo decanal e da decana do Colexio Oficial de Psicólogos de Galicia, Rosa Álvarez Prada.
Neste acto procederase á entrega de diplomas conmemorativos aos licenciados do pasado curso 2006-07, así como ás persoas recoñecidas cos Premios Extraordinarios de Licenciatura (2006-07) e Doutoramento (2005-06). Esta entrega de diplomas irá precedida pola conferencia do catedrático da Universidade de Valencia Luís Montoro González que tratará a Situación actual e retos de futuro da Psicoloxía aplicada á seguridade vial.
O profesor Montoro é catedrático de Seguridade Vial da Universidade de Valencia, director do Instituto de Tráfico e Seguridade Vial da mesma universidade e presidente da Federación Española para a Seguridade Vial. Foi un dos impulsores do actual carné de conducir por puntos, e as súas investigacións foron fundamentais na recente modificación do Código Penal en materia de delitos de tráfico.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 22.02.2008.