A Facultade de Veterinaria organiza no mes de maio un curso de fotografía para profesionais do sector
A Facultade de Veterinaria de Lugo realizará a próxima semana un novo curso de Fotografía Dixital para veterinarios dirixido a todo o público en xeral, pero principalmente a aquelas persoas interesadas en mellorar a súa técnica fotográfica, en especial aos profesionais deste campo.
As clases impartiranse do 5 ao 16 de maio en horario de 19:00 a 21:30 horas de luns a venres. A temática abarca aspectos relacionados coa captura dixital de imaxes e con seu posterior tratamento informático, coa intención de dar a coñecer as técnicas que permitan a obtención de mellores imaxes na pantalla do ordenador ou impresas en papel.
A USC ten recoñecido para este curso un crédito de libre configuración e o material co que parten ten basicamente carácter profesional e comprende dende fotografías de campo de animais domésticos ou salvaxes a microfotografías de preparacións obtidas en laboratorio, pasando por outras obtidas en quirófanos, salas de necropsias ou consultorios.
Hai un límite de 30 prazas para este curso debido ao seu carácter práctico. A inscrición permanecerá aberta durante esta semana e pode realizarse a través do profesor José María Nieto na extensión 22307 do teléfono da USC 982 285900.