Pasar al contenido principal

Unha publicación especializada dedícalle un monográfico a un estudo da USC sobre a alfabetización dixital en áreas rurais galegas

O profesor de Xeografía Humana da USC Carlos Ferrás acaba de publicar na revista The international Journal of Technology, Knowledge & Society un extenso artigo no que recolle o estudo que el mesmo dirixe sobre a aplicación GIS para a alfabetización dixital en áreas rurais, e máis concretamente en Galicia.
A prestixiosa revista dedícalle á investigación do grupo GIS-T da USC un monográfico que conformaría o primeiro número do seu cuarto volume. No artigo, Carlos Ferrás explica a ferramenta técnica deseñada para a alfabetización dixital das comunidades residentes en áreas rurais e que, como experiencia piloto, foi posta en marcha con grande éxito no Concello de Brión, materializada no web www.InfoBrion.com.
Precisamente a creación de redes virtuais é unha das maiores intereses do grupo, en aras de favorecer a difusión das TIC e conseguir rachar coa famosa Brecha Dixital. Deste xeito, conformarase unha ferramenta cartográfica que permita coñecer cales son as comunidades que se atopan conectadas á rede virtual.
O profesor Ferrás, que foi investigador e docente na Universidade de Cork (Irlanda) e na Universidade de Guadalaxara (México), centra hoxe os seus traballos na Sociedade da Información no rural e nas áreas periféricas e no impacto social e territorial das novas tecnoloxías da información.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 08.04.2008.