O reitor ofrece o mércores unha charla no IES Daviña Rei de Monforte ao amparo do programa A Ponte
O reitor da Universidade de Santiago de Compostela, Senén Barro, ofrecerá este mércores 9 unha charla no Instituto de Ensino Secundario Daviña Rei de Monforte enmarcada dentro do programa A Ponte.
A conferencia terá lugar ás 12:00 no salón de actos do centro ante alumnos de primeiro e segundo curso de Bacharelato e de ciclos formativos de grao superior. Os cambios no ensino universitario de cara á súa integración en Europa será o eixo da charla, na que tamén o reitor exporá ante os alumnos a estrutura da USC, a súa oferta educativa así como o sistemas de bolsas ás que poden acollerse.
O reitor foi convidado para esta charla polo centro, que celebra este ano o 40 aniversario do actual edificio e que ten organizada unha serie de conferencias de persoeiros de recoñecido prestixio en distintos ámbitos.