Pasar al contenido principal

A USC e Caixanova achegan a Santiago a Divina Comedia da man de Dalí

Elias Torres (no centro) acompañado de Guillermo Brea, director de Obra Social de Caixanova e Paloma Vela, responsable de exposicións de Caixanova
Elias Torres (no centro) acompañado de Guillermo Brea, director de Obra Social de Caixanova e Paloma Vela, responsable de exposicións de Caixanova

A Vicerreitoría de Cultura da USC e Caixanova inaugurarán este xoves 10 no Colexio de Fonseca a exposición ‘Dalí, La Divina Comedia’, que comprende unha serie de debuxos realizados polo artista catalán para ilustrar a obra de Dante. O acto inaugural da mostra terá lugar ás 20:00 horas e a ela asistirá o vicerreitor de Cultura da USC, Elías Torres; a coordinadora de exposicións de Caixanova, Paloma Vela; e o director de Obra Social da mesma entidade, Guillermo Brea.
Producida por Caixanova, a exposición reúne arredor de cen xilografías datadas entre 1960 e 1964 que permitirán coñecer aspectos de Dante no seu percorrido polo inferno, onde se verá detido pola luxuria, a soberbia e a avaricia. Os debuxos foron adquiridos pola entidade bancaria para a súa colección de arte en xuño de 2007.
A serie de obras que conforman a mostra, que se poderá visitar ata o 11 de maio no Colexio de Fonseca, hai que situala no contexto da evolución do pintor, que dende os anos corenta xa estaba afastado do grupo surrealista. Nos 60, o gran desenvolvemento da arte anima a Dalí a tratar numerosos temas, dende a historia á literatura, creando obras de edición limitada, ilustradas con gravados ou litografías, para ampliar a súa produción.
A obra de Dalí deste período conserva o indiscutible virtuosismo que xa manifestara na súa etapa de adscrición ao surrealismo. Pero nesta época acentúa o efectivismo para recrear en clave surrealista aos grandes mestres do Renacemento e do Barroco, como é o caso de Rafael, Piero della Francesca, Vermeer, Velázquez, Zurbarán ou Miguel Ángel, referencias múltiples e cuxos temas retomará de xeitos diversos.
A Divina ComediaA Divina Comedia de Dante divídese en tres partes: Inferno, Purgatorio e Paraíso. Dante, conducido polo poeta latino Virgilio, percorre os nove círculos do inferno e chega ao cumio do purgatorio onde se reúne coa súa amada Beatriz, que o acompañara ata o paraíso.
Dalí capta nas súas ilustracións a calidade visualmente cinematográfica que ten o texto de Dante e ilustra de xeito pormenorizado a viaxe da obra como unha ascensión mística, xogando coa multiplicidade que contrasta co preciso estudo das representacións humanas.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 09.04.2008.