Pasar al contenido principal

A USC presentará os seus proxectos e actividades en materia de voluntariado no Congreso Galego que a finais de mes se celebra en Lugo

O Servizo de Participación e Integración Universitaria da USC (SEPIU), dependente da Vicerreitoría de Comunidade Universitaria e Compromiso Social, participará nas actividades do Congreso Galego de Voluntariado que se vai celebrar na Escola de Formación do Profesorado de Lugo entre os días 25 e 27 de abril.
A USC presentará neste encontro especializado os seus proxectos e actividades relacionadas coa promoción da participación social, a mediación informativo nos centros en programas de educación para a saúde e a promoción da participación de estudantes con diversidade funcional nos estudos superiores.
Nun stand instalado polo SEPIU, as persoas que se acheguen ao congreso poderán coñecer en detalle os proxectos que a USC ten en marcha con distintas entidades de acción social nos concellos de Santiago e Lugo e que “pretenden incidir na responsabilidade social da universidade e continuar traballando na consecución dunha Universidade das Persoas”, apunta o coordinador deste servizo universitario, Javier Agrafojo.
Cerca de 200 voluntarios colaboran na actualidade en máis de 25 accións distintas coordinadas polo SEPIU e diferentes ONG coas que a USC mantén convenio de colaboración.
Próximas actividades do SEPIUA participación da USC no Congreso Galego de Voluntariado vense sumar ás múltiples iniciativas formativas e de divulgación que o Servizo de Participación e Integración Universitaria desenvolve ao longo de todo o ano. Deste xeito, logo de rematar a pasada semana as xornadas ‘Dereitos Humanos e Participación: visións e proxectos das entidades de inciativa social’, nas próximas datas está previsto a posta en marcha dun curso de lingua de signos española en colaboración coa Facultade de CC da Educación, recoñecido con un crédito de libre configuración; o Curso ‘Universidade e Discapacidade: favorecendo o coñecemento, fomentando a participación’ que este ano se celebra no Campus de Lugo; e a apertura do prazo de inscrición do Programa de Voluntariado con Nacións Unidas.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 10.04.2008.