Representantes de estudantes nos Consellos de Goberno das universidades españolas reúnense en Guadalaxara para poñer en común experiencias relativas ao EEES
Representantes de estudantes dos Consellos de Goberno das universidades españolas celebrarán este xoves 17 un encontro no Campus de Guadalaxara da Universidade de Alcalá para realizar unha análise e debater respecto das experiencias do Espazo Europeo de Educación Superior.
A apertura oficial da xuntanza corresponderalle ao reitor da Universidade de Alcalá, Virgilio Zapatero, ao que lle seguirán o presidente da CRUE, Ángel Gabilongo, e o presidente da Comisión Sectorial de Estudantes RUNAE, Felipe Pétriz, que presentarán o encontro.
A primeira quenda de intervencións, a partir das 11:00 horas, estará dedicada ao tema ‘Os graos e o máster: o coñecemento, a formación profesional e a rendibilidade social’, moderada polo reitor compostelán, Senén Barro. Nela intervirán estudantes procedentes da Universitat Rovira i Virgili e da Autónoma de Madrid, xunto co reitor da Complutense, Carlos Berzosa. A xornada matinal completarase cunha segunda mesa de debate sobre ‘Os prezos e o financiamento: mobilidade, bolsas, modelos de financiamento’ e contará coa participación de representantes das universidades de Zaragoza, Valladolid e Politécnica de Valencia.
A sesión rematará cunha quenda de intervencións que afondarán nas formas de aprender e ensinar no futuro contexto da educación superior con especial atención á organización dos estudos e a súa orientación a favorecer o emprego dos titulados.