Pasar al contenido principal

Abel Vilela falará do Lugo Medieval este xoves no ciclo de charlas sobre a historia da cidade organizado pola Asociación IV Ciclo

O historiador Adolfo de Abel Vilela dará continuidade este xoves 17 ao ciclo de conferencias sobre a historia de Lugo, organizadas pola Asociación IV Ciclo Universitario do Campus lugués e nas que se presentan por separado catro momentos cruciais do pasado da cidade que serviron para forxar o perfil do Lugo de hoxe en día.
A charla de Abel Vilela leva por título ‘O Lugo Medieval’. Este historiador pretende achegar co seu relatorio o pasado medieval da cidade a través da análise dos monumentos, o trazado viario e os nomes de rúas e prazas. Tamén haberá un especial recoñecemento da época de Afonso VI, onde se relanzará a cidade coa chegada da emigración procedente do centro de Europa, cunha importante actividade artesanal e mercantil, sen esquecer o poder relixioso do momento.
Adolfo de Abel Vilela, doutor en Xeografía e Historia, é un gran coñecedor da historia de Lugo, á que lle dedicou distintos libros. Na súa bibliografía destacan 16 libros propios, a colaboración noutros 13 e a publicación de máis de 500 artigos.
A próxima semana continuarán as charlas, concretamente o día 23, centrada nesta ocasión na etapa da Ilustración, a cargo de Hortensio Sobrado Correa. Pechará o ciclo a conferencia de Antonio Prado Gómez co ‘Lugo do Liberalismo’.
Todas as charlas terán lugar no Salón de Actos da Escola de Formación do Profesorado, ás 19:30 horas da tarde. A entrada ás mesmas será gratuíta e libre para todos os alumnos da USC e o público en xeral.
O ciclo está coordinado polo profesor Carlos Baliñas Pérez. Todos os conferenciantes son doutores pola USC e colaboradores con esta institución, aínda que só dos, Rodríguez Colmenero e Sobrado Correa, exercen actualmente como profesores.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 16.04.2008.