Pasar al contenido principal

A Compañía de Teatro da USC-Campus de Lugo estrea o martes en Ourense a obra 'A Ronda'

O vicerreitor de Cultura e o director da obra, xunto co elenco e a reponsable da Oficina de Cultura en Lugo
O vicerreitor de Cultura e o director da obra, xunto co elenco e a reponsable da Oficina de Cultura en Lugo
Trátase dunha montaxe de Quico Cadaval da obra de Arthur Schnitzler

‘A Ronda’, de Arthur Schnitzler, é a nova montaxe que ten preparada a Compañía de Teatro da USC-Campus de Lugo, para o seu estreo o próximo martes 22 no Teatro Principal de Ourense, dentro da Mostra Internacional de Teatro Universitario (MITEU).
A obra foi presentada este venres polo vicerreitor de Cultura, Elías Torres, e o director da Compañía, Quico Cadaval, que non perderon a ocasión para amosar algunhas das pezas nas que está dividida a obra cunha pequena representación.
Dez encontros sexuais encadeados coma nun colar é a liña argumental desta obra na que aparecen representados as personaxes ‘cliché’ da época: unha prostituta, un soldado, unha criada, un fillo de papá, unha amiga de mamá, o seu esposo, unha amiguiña del, un artista bohemio, unha diva e un reseso aristócrata. O amor e o sexo conxúganse nesta peza, na que cada un busca ou recibe unha das dúas cousas. Os críticos da súa época consideraron que o autor ofrece na obra orixinal “dez tentativas de paraíso”.
Como explica Quico Cadaval, ‘A Ronda’ foi no ano do seu estreo “un provocativo escándalo ben calculado á procura dun suceso comercial e artístico, o que nos levou a escollela como material de traballo para a compañía da USC”.
Engade tamén o director que a montaxe presentada non pretende ser “unha representación canónica” da obra do médico austríaco, senón ser utilizada como base de traballo no curso. As dez vivencias foron enriquecidas coas experiencias e contos escoitados polos actores e actrices. A montaxe final ten a base argumental de Schnitzler pero está chea de incrustacións doutros textos de Wilde, Fonseca, Valle, Buarque, Cortés, Arreola, o cego do Vilares, Biscaia e Donnen, o que fai dela “un pastiche textual que permite aos participantes e ao público unha viaxe por diferentes texturas, recursos e estilos teatrais”, explica Cadaval.
Nesta obra de teatro participan nove actores e actrices da Compañía e está enriquecida coas intervencións musicais de Paula Buján, membro do elenco. A montaxe da Compañía de Teatro da USC de Lugo representarase nesta cidade o 5 de maio e en Pontevedra ao día seguinte, para continuar a xira polos circuítos universitarios arrincando en Compostela.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 18.04.2008.