Pasar al contenido principal

A Asociación de Antigos Alumnos e Amigos da USC recibe o Premio Alumni

De esquerda a dereita: David Almorza, Yebra Martul e Alfredo Albaizar
De esquerda a dereita: David Almorza, Yebra Martul e Alfredo Albaizar

A Asociación de Antigos Alumnos e Amigos da USC (AAAAUSC) recibiu o I Premio Alumni no transcurso do XII Encontro Nacional de Asociacións de Antigos Alumnos e Amigos das universidades españolas que tivo lugar o pasado día 24 en Cádiz. O presidente da AAAAUSC, Perfecto Yebra, recibiu o premio de mans do vicerreitor de Estudantes da Universidade de Cádiz, David Almorza, e do director da Área de Universidade do Banco Santander Central Hispano, Alfredo Albaizar.
Dotado de 2.000 €, co Alumni a Federación de Asociacións e o Banco Santander Central Hispano queren premiar o espírito asociativo de entidades sen ánimo de lucro e as súas iniciativas sociais, recoñecendo o labor desenvolvido polas entidades mediante a execución dos proxectos presentados a concurso. No caso da USC, no apartado de Formación Continua polo curso básico ‘Iniciación á Creación Literaria’, incluído na programación da oferta da USC, e o Premio de Relato Curto que a Asociación da USC convoca dende hai tres anos.
A asociación compostelá pretende o fomento da teoría e práctica narrativas con estas dúas iniciativas. Isto é, o estudo dos diferentes tipos de textos narrativos e prácticas de crear, contar e compartir historias propias e dos mestres da literatura universal. Trátase de recuperar o gusto pola lectura e a escritura, desenvolver as capacidades expresivas da persoa e activar a comunicación en grupo.
Así mesmo, a organización destacou o carácter solidario da entidade pola súa iniciativa na creación do Premio Humanitas, que convoca anualmente xunto co Consello Social da USC, dedicado a distinguir as accións humanitarias das persoas e grupos en favor da sociedade.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 28.04.2008.