Pasar al contenido principal

Faleceu o catedrático da USC Manuel C. Díaz y Díaz

O que fora catedrático da Universidade de Santiago de Compostela, Manuel Cecilio Díaz y Díaz, faleceu en Compostela aos 83 anos. Tras coñecer o pasamento, o reitor Senén Barro manifestou o seu fondo pesar e sumouse ao de toda a comunidade universitaria “pola perda dunha figura humana e académica irremprazable”.
Considerado un dos mellores medievalistas de Europa, Barro destacou os grandes recoñecementos de carácter nacional e internacional acadados polo catedrático, quen en 1997 foi galardoado co Premio Nacional de Investigación Humanística e Científico Social ‘Ramón Menéndez Pidal’.
Manuel C. Díaz y Díaz era especialista en lingua e literatura latinas e en numerosos aspectos do mundo medieval (literatura, cristianismo, codicoloxía ou paleografía entre outros), licenciouse en Filoloxía Clásica na Universidade de Madrid no ano 1945. A súa carreira docente principia en 1949 como catedrático de instituto, para logo ser catedrático de Filoloxía Latina nas universidades de Valencia (1953-1956), Salamanca (1956-1968) e finalmente na Universidade de Santiago dende 1968. Xunto este labor académico e investigador, Manuel Díaz y Díaz desempeñou outros importantes cargos relacionados coa xestión universitaria como a de primeiro presidente da Axencia para a Calidade do Sistema Universitario en Galicia (ACSUG).
O profesor Díaz y Díaz recibiu en 1979 a Medalla ao Mérito Docente da Orde Alfonso X O Sabio, tras cumprir 25 anos como catedrático. Foi doutor honoris causa pola Universidade Clásica de Lisboa (1980), pola Universidade de Salamanca (1993) e pola Universidade de Coimbra (2002). En 1991 recibiu a medalla de Prata de Galicia da Xunta de Galicia, e en 1994 o concello de Santiago concedeulle a Medalla de Ouro da cidade ao merito cultural. O Grupo Compostela de Universidades outorgoulle en 2003 o VII Premio Internacional Compostela-Xunta de Galicia.
As obras que máis trascendencia lle reportaron en España e fóra do Estado ao profesor Díaz y Díaz son, entre outras, Index scriptorum latinorum medii aeui hispanorum (1959), obra de consulta xa clásica; Antología del latín vulgar, obra que se emprega como libro de texto en numerosos países de Lationamérica; Libros y librerías en la Rioja Altomedioeval, obra premiada polo Padroado do Milenario da lingua castelá, converteuse en pauta para estudios similares; e Visiones del Más Allá en Galicia durante la Alta Edad Media (1985), entre outros.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 04.02.2008.