Pasar al contenido principal

O reitor Senén Barro imporalle este sábado a Insignia de Ouro da USC ao profesor emérito Joaquín Potel Lesquereux

A imposición desenvolverase no transcurso dun acto homenaxe ao profesor Potel co gallo da súa xubilación

O reitor da USC, Senén Barro, imporalle este sábado 2 de febreiro a Insignia de Ouro da USC ao profesor emérito Joaquín Potel Lesqueraux no transcurso dun acto académico organizado polo Departamento de Cirurxía e a Facultade de Medicina co gallo da súa xubilación. A imposición deste distintivo realizarase en recoñecemento ao dilato currículo e destacado labor, tanto docente como asistencial, realizada ao longo de 40 anos polo profesor Potel na USC.
Na sesión, que se desenvolverá a partir das 12:30 horas no Salón de Actos da Facultade de Medicina, participarán ademais do reitor compostelán e do homenaxeado; o decano da Facultade, José Mª Fraga Bermúdez; o director do Departamento de Cirurxía, Francisco Barreiro; o profesor Miguel Caínzos Fernández; o xefe servizo de Cirurxía en funcións do Hospital Universitario, Alejandro Beiras,e o catedrático da Universidade Complutense, José L. Balibrea que pronunciará unha conferencia sobre os últimos avances no campo da cirurxía.
Catedrático de Patoloxía e Clínica Cirúrxica dende 1977, Joaquín Potel foi xefe do Servizo de Cirurxía Xeral e Aparato Dixestivo do Hospital Universitario, vicedecano da Facultade compostelá entre 1979 e 1983 e decano de 1983 a 1984, así como director do Departamento de Cirurxía entre 2004 e 2007.
De xeito paralelo, foi presidente das sociedades Galega e Española de Patoloxía Dixestiva, da Española de Coloproctoloxía, de Asociación Española de Cirurxiáns e da Federación de Asociacións Científica Médicas (FACME). Ademais, é académico numerario da Real Academia de Medicina de Galicia, onde ocupa o sillón de Cirurxía Xeral e Aparato Dixestivo dende 1999, e representante da Asociación Española de Cirurxiáns no European Board of Surgery.
Premio Novoa Santos en 2004, foille concedida a Cruz de Sanidade polo Ministerio co conseguinte ingreso na orde Civil de Sanidade en xuño de 2003. A súa vila natal Caldas de Reis, honrouno poñéndolle o seu nome a unha das rúas da vila.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 01.02.2008.